A 'Ruta do sol' completa na Lanzada a humanización da PO-308 para o tránsito "seguro"

Luisa Piñeiro visitou este xoves as tarefas de sinalización da ruta ciclista no tramo que transcorre por Sanxenxo
Luisa Piñeiro e María Deza supervisaron a sinalización. CONCELLO
photo_camera Luisa Piñeiro e María Deza supervisaron a sinalización. CONCELLO

A sinalización da ruta ciclista protexida que abrangue un tramo de case 50 quilómetros ao seu paso polos municipios de Sanxenxo, Pontevedra, Poio e O Grove está a piques de finalizar na Lanzada, completando así o que para o concello de Sanxenxo significa a culminación da humanización da PO-308 ao seu paso polo municipio, no que se refire ao "tránsito seguro de peóns e deportistas por toda a senda dende A Lanzada ata Portonovo". Así o explicou a primeira tenente de alcalde, María Deza, que onte acompañou á delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, nunha visita á zona para supervisar a fase final desta actuación, e na que tamén estiveron presentes o xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, e o concelleiro de Servizos Sociais e Deportes, Daniel Arosa.

Pola súa parte, María Deza quixo agradecer "á Consellería de Infraestruturas esta actuación, que axuda a poñer en valor" a ruta ciclista denominada como Ruta do Sol, que é "moi transitada e de gran beleza paisaxística". Con esta nova sinalización, Deza asegurou que se "incrementará a seguridade dos ciclistas que a diario percorren a ruta que discorren polos concellos de Pontevedra, Poio, Sanxenxo e O Grove". 

Pola súa parte, a representante autonómica concretou que este reforzo da sinalización na denominada Ruta do Sol responde ao interese do Goberno galego en "aumentar a seguridade, cun incremento cualitativo e cuantitativo dos indicadores, en rutas coma esta que son moi empregadas polos ciclistas deportivos, cos que temos que adaptar as medidas de prevención, xa que circulan a maior velocidade que os afeccionados pero teñen a mesma vulnerabilidade fronte aos vehículos". 

Neste sentido, esta ruta ciclista protexida vai ser das primeiras en quedar rematada de toda Galicia e a súa configuración consiste na instalación de 30 indicadores, 14 sinais e 16 paneis de grandes dimensións, nos que se advirte da presenza habitual de ciclistas e da necesidade de extremar as precaucións na circulación.

En concreto, a Ruta do Sol ten unha lonxitude de 48,3 quilómetros en sentido circular que beneficia a sete estradas autonómicas: PO-531, PO-308, PO-504, PO-550, PO-316, PO-312 e PO-317.

En Sanxenxo, a mellora do tramo da ruta únese á humanización da PO-308 ao seu paso por Baltar, en Portonovo, que recentemente tamén foi supervisada pola delegada territorial da Xunta, quen a calificou como "unha das máis importantes da provincia que temos agora en marcha". Esta actuación, que supón a reposición do firme e o seu pintado ao longo de 1.520 metros de lonxitude facíase necesaria en canto á mellora do tránsito na zona e, ademais, será completada próximamente co proxecto do bulevar entre a rotonda do campo de fútbol e a rotonda de Canelas.

Comentarios