Samuel Lago xa é alcalde: "O diálogo será continuo, non só cando precise os votos"

O rexedor de Cambados avanzou posibles cambios no Goberno polos que se abre a posibilidade de unificar algunhas áreas, sen que isto afecte aos "grandes bloques"
O alcalde recolle o bastón. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera O alcalde recolle o bastón. BEATRIZ CÍSCAR

Apenas sen sobresaltos e segundo o previsto, o Pleno extraordinario de Cambados concedeu durante o mediodía de este sábado a Alcaldía ao socialista Samuel Lago por maioría absoluta, con nove votos por parte do PSdeG-PSOE e o BNG.

O xa alcalde de Cambados tomou posesión recollendo o bastón de mando de mans do alcalde accidental Constantino Cordal, e xurou o cargo ante os compañeiros de partido e Goberno, membros da oposición e familiares, tamén amparado por varios veciños e militantes que se achegaron ás portas da Casa Consistorial durante o acto, que se levou a cabo con límite de aforo.

Lago agradeceu á ex alcaldesa Fátima Abal "a oportunidade de formar parte do seu equipo e estar hoxe aquí" e comprometeuse a liderar un Goberno "progresista, galeguista e feminista".

A investidura estivo precedida pola toma de posesión de José Luis González Roma como edil da Corporación, e pola nota sorpresiva da xornada, por parte do voceiro de Cambados Pode, José Ramón Abal Varela, quen presentou durante o acto a súa candidatura á Alcaldía, rexeitada cun só voto propio.

Tal e como explicou o novo alcalde nunha comparecencia posterior, encara este mandato coa vontade de sentarse a falar co BNG "as veces que sexan necesarias. Pretendo establecer un diálogo continuo, non só cando precise os seus votos", afirmou. Neste sentido, na axenda de Lago atópase o desbloqueo das liberacións «a base de diálogo, non me gustan os enfrontamentos», afirmou.

A entrada de Lago na Alcaldía non conlevará grandes modificacións no que respecta ao Pacto de Goberno, se ben o alcalde explicou que "estamos facendo unha análise do funcionamento do Pacto e das áreas, e detectamos que algunhas delas poden estar mellor unidas a outras".

Sen querer entrar en detalle, o alcalde asegurou que "iso pode implicar pequenos cambios no Goberno, pero os grandes bloques non se van tocar". Samuel Lago chega á Alcaldía de Cambados para adicarse a tempo completo ao municipio, mediante unha excedencia concedida no seu anterior traballo.

PROXECTOS. O equipo de Goberno, explicou "nunca parou", e xa a semana pasada "tivemos reunións na Deputación por temas de vías e infraestruturas. O luns reunireime co xefe territorial de Infraestruturas da Xunta para prantexar melloras en vías de titularidade autonómica e tamén imos ter reunións con Portos de Galicia para a desafectación de terreos do Paseo da Calzada".

Entre os obxectivos do mandato, atópase tamén "axilizar e deixar encarrilada a Praza de Abastos, cos plans sectoriais previos", que inclúen Plans Especiais de Portos e a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios.

Neste sentido, o alcalde prantéxase un cambio no xeito de financiación, e "aproveitar fondos europeos para construila". As achegas por parte do Ministerio, Xunta e Deputación "están comprometidas" á espera das autorizacións para renovar o convenio. "Os fondos europeos financiarían parte da actuación, e o resto sería colaboración entre Administracións", asegurou.

Lago fixa a vista tamén nestes momentos no Plan Concellos, que centrará no saneamento, abastecemento e accesos ás vivendas do municipio, así como na recuperación da Festa do Albariño "cando a situación sanitaria o permita".

A reforma de Fefiñáns, sobre a que xa se recibiu a primera notificación que mantén ao Concello en lista de agarda á espera de fondos, o cuartel da Garda Civil, o mantemento e conservación de centros escolares, investimentos en equipacións deportivas e parques, e a potenciación das prazas públicas, xunto ao apoio ás industrias de Cambados e as políticas sobre violencia de xénero marcarán una Alcaldía para a que "estou motivado e tamén preparado. Teño moitas gañas de facer o mellor para os meus veciños e veciñas, e comprométome a gobernar para todos sen importar a súa cor política", garantiu.

Comentarios