San Roque adáptase á covid-19 e non haberá Festa da Auga este ano

O Concello celebrará unicamente actividades de pequeno formato, con espazos limitados e control de aforo
2020072514364544085
photo_camera Celebración multitudinaria da Festa da Auga en Vilagarcía. ARQUIVO

O Concello de Vilagarcía non renunciará este ano as súas festas patronais de San Roque, pero reinvéntase co obxectivo de garantir a máxima seguridade ante a situación que estamos a vivir coa pandemia do coronavirus. As festas desenvolveranse do 14 ao 23 de agosto, cun estrito protoloco.

Para contar cunhas festas totalmente seguras e sen riscos as liñas principais serán evitar as aglomeracións, controlar os aforos e garantir o cumprimento das normas hixiénico-sanitarias. Por mor disto, os grandes concertos, a ofrenda floral, a subida do santo, a concorrida Festa da Auga e a procesión non terán cabida na programación deste ano.

As actividades que se levarán a cabo serán de pequeno formato, ao aire libre, con espazos limitados, control de aforos e un rexistro de asistentes con motivo de posibles rastreos. Entre os actos que terán lugar no cartel desta singular edición de San Roque haberá actuacións musicais na Xunqueira, un espectáculo de orquestra na Praza da II República, o Festaclown, o Folk no Alobre e a reconversión do combate naval nos espectáculos pirotécnicos aéreos en Vilaxoán, Vilagarcia e Carril. O programa completo estará dispoñible nos próximos días.

Aínda que sempre se contaba con creadores e artistas locais, nesta ocasión aínda se terán máis presentes. Tamén se pretende que a festa sirva como elemento dinamizador da economía local, principalmente comercio e hostalería.

Todo o programa festivo plantexado dependerá da evolución da pandemia, aínda que o goberno confía en que, pese a situación anormal que se está a vivir, os vilagarciáns poidan gozar das festas de San Roque, esperando que se siga actuando correctamente para volver a antiga realidade, con miras de volver a recuperar os formatos tradicionais e organizar grandes eventos.

Comentarios