Sandra Fernández sucede a David Otero como candidata do BNG local

O actual voceiro cede a testumuña á súa compañeira, que se marca como reto devolver ao colectivo nacionalista ao Goberno local

O mago Martín Camiña foi o encargado de anunciar, a través dun vídeo gravado previamente, o nome de Sandra Fernández como candidata. C.F.
photo_camera O mago Martín Camiña foi o encargado de anunciar, a través dun vídeo gravado previamente, o nome de Sandra Fernández como candidata. C.F.

Once anos despois de estrearse coma concelleira da Corporación, Sandra Fernández Agraso dá un paso á fronte para liderar a candidatura do grupo municipal do BNG de Sanxenxo. A exconcelleira de Benestar Social, Cultura e Educación, cargos que desenvolveu durante a efímera etapa do tripartito, colle o relevo de David Otero, que se fará a un lado tras ser o cabeza visible do colectivo durante máis dunha década.

Botando man da orixinalidade, a través dun vídeo no que o mago sanxenxino Martín Camiña é o encargado de dar a coñecer a nova, o BNG confirmou onte a elección de Fernández Agraso coma cabeza de lista nas eleccións de maio de 2019. A concelleira quere liderar un proxecto que siga o modelo polo que se rexíu o BNG á hora de xestionar os seus departamentos antes de que o pacto entre o PP e SAL puxese fin ao anterior Goberno local. "Entón traballamos sen favoritismos nen discriminacións e seguirémolo facendo", garantizou a candidata, que engadíu que "Sanxenxo non pode volver a etapas pasadas marcadas por débedas, sentezas e plans de axustes que acaban por lastrar aos veciños". Neste senso, lembrou que, durante os dous anos de tripartito, o Concello pasou de contar cun remanente negativo de menos catro millóns de euros a un superátiv de 1,5 millóns. Precisamente, a Concellería de Economía e Facenda estaba dirixida entón polo seu compañeiro David Otero.

Fernández Agraso defende a necesidade de apostar por "proxectos serios e realizables" e tilda a Marín de "megalómano de manual"

Sandra Fernández considérase "preparada" para dar este paso. "Non será fácil, pero eu son moi teimuda", sinalou á hora de facer referencia á posibilidade de facer que o BNG volva a formar parte dun goberno de esquerdas. Ademais, non deixou pasar a ocasión para mandar un recado ao actual alcalde, Telmo Martín, a quen define como "un megalómano de manual". Fernández Agraso salientou que "nós non imos facer falsas promesas". Por outra banda, recoñeceu que "teríanos gustado acabar o mandato no Goberno local, pero esa etapa rompeu polos intereses persoais de quen resultou ser un fraude", sinalou, en referencia a SAL.

PROCESO NATURAL. Pola súa banda, David Otero considera que a entrada en escea de Sandra Fernández, sobre quen se desfixo en loubanzas, é "un proceso natural e lóxico". O actual voceiro do BNG asegurou que este cambio "non responde a unha improvisación" e asegurou que a súa compañeira está moi preparada para afrontar o reto.

"É a candidata máis completa", sinalou Otero, que está convencido de que os nacionalistas en Sanxenxo poden consolidarse coma "a única alternativa" para tumbar á dereita.

Inclusión de caras novas
Sandra Fernández asegurou que o BNG xa está traballando na confección da candidatura. Aínda que optou por non desvelar nomes, deixou entrever a incorporación de novos valores.

En todo caso, tamén sinalou que "aquí sempre tiven compañeiros que manteñen a súa relación e compromiso co noso proxecto político".

Comentarios