Sanidade non recomenda temporalmente o baño na praia do Preguntorio

Na última análise foron detectados niveis anormais de E-coli 
photo_camera Praia do Preguntoiro, na parroquia de Vilaxoán.

A Consellería de Sanidade comunicou ao concello que debe desaconsellarse o baño na Praia do Preguntoiro de xeito temporal, unha vez que na última análise se detectaron niveis anormais de E-coli, en concreto 1.300 NMP/100 ml, cando o máximo aceptable son 1.000. O Concello púxose en contacto con Augas de Galicia, que confirmou que nas analíticas dos últimos tempos xa ven observando niveis de contaminación que, sen sobrepasar os límites, non se corresponden coa excelencia das augas nos últimos tempos.

A falta dos estudos que confirmen a orixe do vertido que está a contaminar as augas, tanto Concello coma Augas de Galicia sospeitan que esa anomalía procede da rúa do Freixo. De ser así, a solución ao problema estaría próxima pois o Concello xa ten programado para este ano, dentro do Plan Concellos da Deputación, o ensanche desa rúa e a renovación total das redes de augas pluviais e residuais, unha vez que se chegara a un acordo coa empresa Coinba para adquirir os terreos necesarios para esa obra.

O Concello lamenta este novo aviso de non recomendación do baño nunha praia que nos últimos anos vén demostrando a súa excelencia, e reitera o seu compromiso de arranxar canto antes as causas, que, como é máis probable, trátase dunha fuga nunhas instalacións que teñen décadas de antigüidade e poden sufrir este tipo de avarías, pero que agora van ser renovadas completamente.

Comentarios