A Santa Compaña volverá peregrinar pola Lanzada da man de Andarela

O colectivo retoma o tradicional roteiro nocturno tras o parón a causa da pandemia, e que terá lugar o vindeiro sábado 19 pola costa
O roteiro da Santa Compaña, nunha edición anterior.  ANDARELA
photo_camera O roteiro da Santa Compaña, nunha edición anterior. ANDARELA

É unha tradición que se remonta ao ano 2014 pero que, en Galicia, é tan antiga coma a memoria colectiva. A Asociación Andarela retoma o vindeiro sábado 19 de novembro a súa Andaina coa Compaña na que, caracterizados coma ánimas en pena e portando fachos e candís, os asistentes percorrerán a costa da Lanzada, co obxectivo de conmemorar o mes de Defuntos.

O roteiro, que é de balde, partirá ás 20.30 horas da praia da Lanzada, co punto de encontro para os participantes no aparcamento asfaltado, no acceso da rotonda da vía rápida que se atopa nas inmediacións do campo de fútbol de Noalla. Desde a praia, a comitiva dirixirase ao entorno da capela da Lanzada, dende onde ubicará a illa de Ons, para percorrer parte da costa fronte ao mar bravo da Lanzada, con volta ao punto de inicio.

A actividade terá unha duración de 90 minutos e, para participar, non é necesaria inscrición. Tan so é preciso presentarse no punto de partida á hora estipulada, se ben é imprescindible que os asistentes vaian caracterizados coma ánimas. Non se permite o uso de lanternas, tan só iluminación tradicional.

O roteiro, que emula unha procesión da Santa Compaña "coas súas almiñas", tal e como lembrou dende o colectivo organizador Estrella Martínez, conta xa cunha dilatada traxectoria no municipio. De feito, o pasado ano, a exhibición levouse ao Culturgal a través dun convite do Concello de Sanxenxo, e a organización, caracterizada como tal, xa participou tamén en televisión.

Na realización da actividade nocturna teñen cabida maiores e pequenos, posto que o principal obxectivo, segundo a organización, é conservar tradicións tan arraigadas coma a da Santa Compaña de xeración en xeración. Ao mesmo tempo, trátase dunha boa oportunidade para coñecer outra perspectiva de lugares abraiantes do municipio de Sanxenxo, como é o entorno da ermida da Lanzada, baixo a luz dos candís e co bater das ondas do mar.

Comentarios