Sanxenxo acolle a 'première' de 'Galicia, the celtic motherland'

O vídeo, filmado por Marcos Redondo, revela a "verdadeira alma de Galicia"
2020091318322132642
photo_camera Marcos Redondo presentou o 'shortfilm'. GONZALO GARCÍA

O auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo acolleu o venres a première do vídeo filmado polo polifacético Marcos Redondo e o seu equipo, que revela a "verdadeira alma de Galicia". Redondo definiu o shortfilm coma un proxecto que "naceu dende o corazón", e tivo palabras de agarimo para a terra que o viu nacer: "Galicia é unha avoa, unha nai e unha filla".

"A través das viaxes que fixen ao longo da miña vida", explicou Redondo, "sempre que regresaba pensaba en que menuda terra temos. Tiña gañas de mostrar a alma de Galicia, porque hai xente que viaxa a Irlanda, a Escocia e a Gales, pero non repara en que aquí hai lugares celtas que nós temos que potenciar".

O vídeo, que se presentou ao público o sábado pola tarde de xeito oficial, e que xa está dispoñible nas plataformas dixitais, contou coa colaboración do cámara pontevedrés Alex Timelapse e do piloto de drons grovense Diego Matellán, quen aportou a innovación da grabación con dron FPV, un método que, explicou, permitiulle voar "en primera persona, por el medio de las ramas, y hacer la experiencia más interactiva de lo habitual".

A presentación contou tamén cunha demostración de voo de dron, tras a visualización do primeiro vídeo da serie Galicia, the celtic motherland, que percorreu lugares das Rías Baixas coma as Cíes, O Facho ou Axeitos, coa viaxe cara a "alma de Galicia" como motivo principal. Na cita, na que estiveron presentes o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o alcalde de Poio Luciano Sobral, representantes de Viajes Interrías e da Fundación Alexandre Bóveda, Redondo declarou a súa intención de dar continuidade ás grabacións, coas que próximamente viaxará polos Ancares, O Courel, ou a Ribeira Sacra.

Comentarios