Sanxenxo bota a vista cara atrás para lembrar o naufraxio do Santa Isabel

A exposición realizada no Gran Talaso Hotel, inaugurada en xullo e que permanecerá aberta ata setembro, trata sobre unha das traxedias marítimas máis recordadas na historia de Galicia

O comisario da exposición, Tino Viéitez, destacou a labor dos rescatantes. JAVIER CERVERA
photo_camera O comisario da exposición, Tino Viéitez, destacou a labor dos rescatantes. JAVIER CERVERA

O 2 de xaneiro do ano 1921, un trasatlántico que se dirixía a Cádiz naufragou fronte a Punta Forneira, situada a 150 metros da Illa de Sálvora (Ribeira). Das 268 persoas que viaxaban no buque, o Santa Isabel, 213 non volveron a ver o mar.

Era a unha da madrugaada. A causa da densa néboa que había, o vapor correo da Compañía Trasatlántica Española, confundiu a posición do faro vello da illa co novo e quedou embarrancado a 50 metros da costa. O barco permaneceu na mesma posición ata as 02:00 horas e comezou a facer as sinais de alarma. Finalmente, produciuse o afundimento da proa e ás 07:00 horas, partíuse debido á forte oleaxe, estrellando os tripulantes contra as rochas do illote ribeirense.

O fareiro de Sálvora escoitou os berros dos mariñeiros e decidiu alertar aos veciños, que se mobilizaron e botaron ao mar tres embarcacións, das cales dúas se dirixiron ao lugar do sinistro para rescatar aos sobrevivintes da traxedia. Desgraciadamente, só 55 viaxeiros lograron saír con vida.

O Santa Isabel levaba o nome do porto de Guinea e fora construído seis anos antes. No momento era agardado en Vilagarcía de Arousa, onde recollería 37 pasaxeiros, e posteriormente no porto de Vigo, lugar no que o esperaban máis de 200 persoas que serían trasladadas á cidade andaluza. Alí ían ser trasbordadas para ir ás Américas.

CATÁSTROFE. As circunstancias nefastas ocasionadas principalmente polo terrible temporal, deron lugar a unha das catástrofes máis sonadas da historia de Galicia. Xornais de todo o mundo, entre eles o Times, fixéronse eco do accidente do buque, que chegou a ser coñecido como o Titanic galego.

Despois de 97 anos, o recordo do infortunio segue vivo en moitos galegos e galegas. Un deles é Tino Viéitez, o comisario da exposición de Sanxenxo sobre o trasatlántico. O xornalista e editor pontevedrés decidiu poñer en valor a historia do barco a través de varias exposicións celebradas na lonxa de Portonovo (onde contou con un importante número de visitas), Marín, Carril e Catoira. Este ano era o turno da localidade sanxenxina.

Hai tempo, Viéitez era consciente de que o naufraxio non podía caer no esquecemento, e aínda a día de hoxe segue facendo esforzos para que cada vez máis visitantes se interesen pola historia do litoral galego.

A exposición do vapor correo, co nome de O afundimento do trasatlántico Santa Isabel, inclúe 186 fotografías, ademais de obxectos de todo tipo que foron rescatados da embarcación e varios óleos. Tamén se atopan os datos xudiciais e xornalísticos de cada un dos náufragos.

A mostra permanecerá aberta ao público, de luns a domingo e ata o 6 de setembro, na sala de exposicións Silgar do Gran Talaso Hotel, situado nas inmediacións de Punta Vicaño.

Tino Viéitez asegura que a resposta dos asistentes está sendo excepcional. Isto débese en gran parte á correcta e exhaustiva documentación realizada para o relato dunha historia "que merece ser contada".

A solidariedade foi chave no rescate
Tanto os non afectados como as vítimas que conseguiron saír con vida do naufraxio, realizaron unha inmensa labor de salvamento que é recordada por moitos.

O segundo oficial do Santa Isabel
Luis Cebreiro, natural de Ferrol, foi considerado por múltiples testemuñas un verdadeiro heroe. Deu as ordes precisas á tripulación e ao pasaxe, e mantívoos a todos no castelo da popa ata que veu a oportunidade de que se subisen a un bote e lograsen coa axuda das mulleres de Sálvora chegar a salvo á illa. Cebreiro negouse a subir ao dito bote dada a súa corpulencia e altura e optou por nadar e levar consigo a unha persoa durante tres horas.

As heroínas de Sálvora
Cipriana Crujeiras, Josefa Parada, Cipriana Oujo Maneiro e María Fernández Oujo , veciñas de Sálvora, decidiron tripular unha dorna para salvar aos mariñeiros.

Comentarios