Sanxenxo coróase como destino de Calidade

Francisco Conde destacou o municipio como un "elemento turístico diferenciador" durante o izado das bandeiras Galicia Calidade en Nauta e no Real Club Náutico
undefined
photo_camera Varios representantes de entidades públicas e privadas estiveron presentes durante o izado das bandeiras Galicia Calidade no Náutico de Sanxenxo e en Nauta. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os tres portos deportivos do municipio xa contan co distintivo Galicia Calidade. Á bandeira que xa ondea no Náutico de Portonovo sumáronse onte as da empresa pública Nauta Sanxenxo, no porto Juan Carlos I, e a do Real Club Náutico de Sanxenxo. Os actos de izado, que se levaron a cabo de xeito consecutivo, estiveron presididos polo vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e polo o director xeral de Comercio, Manuel Heredia, xunto á presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín. Para Conde, a insignia outorgada onte a ambas entidades supón facer de Sanxenxo "un elemento diferenciador", e significa "apostar polo sector turístico como sector económico que xera emprego".

O conselleiro referiuse a Nauta e ao Náutico para "reivindicar todo este potencial, porque este tipo de instalacións contribúen a xerar unha oferta turística de calidade e competitiva en Galicia. A bandeira de Galicia Calidade recoñece a súa localización, o equipamento do que dispoñen e os servizos que ofrecen, en moitos casos, cunha oferta gastronómica que acrecenta o seu atractivo turístico", asegurou. Neste sentido, salientou a "importancia deste acto" para o turismo deportivo, o turismo náutico e para Sanxenxo, "dende o punto de vista túrístico, seguro e tamén de calidade".

Telmo Martín lamentou as medidas que afectan á hostelería e avanzou proabas para o sector a partir da vindeira semana

Precisamente, o alcalde, Telmo Martín, reafirmou a súa "aposta pola calidade", antes de recibir un distintivo Galicia Calidade de mans do conselleiro ás portas da empresa pública Nauta, e explicou que, como destino seguro, "en Sanxenxo estámonos esforzando para saír desta situación", en referencia á elevada cifra de contaxios que se veñen rexistrando no municipio nas últimas semanas. "Eu vexo as cousas en positivo. A Xunta está colaborando moito á hora de facer cribados, e esta semana tivémolos no centro de saúde de Baltar, agora estamos facéndoos nos locais de Nauta cunha afluencia bastante importante de persoas, e tamén estamos vendo o xeito de seguir facendo probas para a hostelería a partir da semana que vén. Estamos tratando esta cuestión coa Xunta a través dos responsables da Sanidade pública e creo que todo vai ir por bo camiño", valorou.

O alcalde amosou tamén a súa "preocupación" pola situación sobre a que, asegurou, "imos saír dela como saímos noutras ocasións". Neste sentido, lamentou "que as medidas se apliquen na hostelería, nun sector onde estaba comezando a verse a recuperación. Pero a saúde é o primeiro e despois a economía, aínda que esta afecte tamén ás veces á saúde, como é este caso", dixo, antes dun percorrido xunto ao conselleiro polo peirao, onde repasaron as medidas de aforos do ocio nocturno, que continúa pechado no municipio. A pesar da situación epidemiolóxica en Sanxenxo, Martín ensalzou ao municipio como "primeiro destino turístico non só en Galicia, senón no norte de España", algo que, afirmou, "non sería posible se non fora apostando pola calidade". Neste sentido, agradeceu aos clubes náuticos "e a outras entidades privadas que están convertendo Sanxenxo nun referente turístico cada vez máis importante. Sanxenxo aposta por Galicia Calidade e ímolo seguir facendo para xerar emprego e postos de traballo", afirmou.

O Náutico de Sanxenxo celebra 60 anos de existencia: "Fue uno de nuestros hitos"
O mesmo día que o Real Club Náutico de Sanxenxo recibiu o distintivo Galicia Calidade, celebrou 60 anos de existencia, dende que se inaugurou o antigo edificio en 1961, cunha cea de gala nos seus salóns sociais. Para o secretario da entidade, Isidoro Sabell, quen recibiu con "satisfacción" a bandeira Galicia Calidade, a inauguración do Náutico "fue uno de nuestros hitos en Sanxenxo. Uno lo tuvimos cuando venía a veranear aquí González Besada, a principios de siglo, otro fue la salida de la Vuelta al Mundo Volvo y el tercero, la inauguración del Club Náutico", afirmou.

Neste sentido, valorou, "la inauguración del antiguo edificio del Náutico significó un cambio, un punto de inflexión en el turismo de Sanxenxo". O Real Club Náutico tivo os seus antecedentes o 12 de agosto de 1951, co acto de constitución da sociedade, nunha primeira Xunta directiva presidida por José Pazó Montes. Nela figuraban, entre outros, Asdrúbal Ferreiro, Luis y Manuel Rocafort, Cesareo Nóvoa, Emilio Peláez, Rafael Olmedo, Saturnino Varela e Ramón Cachafeiro. O clube naceu coa idea de ter un lugar axeitado no que reunirse e que valera para promocionar as posibilidades turísticas e deportivas da ría de Pontevedra.

PORTONOVO. Durante o acto de izado das bandeiras Galicia Calidade tamén estivo presente o presidente do Náutico de Portonovo e da Asociación de Clubs Aniversario Náuticos de Galicia, Javier Ruíz de Cortázar, quen tamén posúe o distintivo para Portonovo. Como presidente dos Clubs Náuticos de Galicia, Ruíz de Cortázar quixo enxalzar a Galicia como "pionera en puertos deportivos, en Q de calidad, en Galicia Calidade y en Medio Ambiente". A idea, asegurou, "es potenciar esto y, como presidente de la asociación, creo que es un hito que uno de los municipios más importantes desde el punto de vista turístico, que tiene tres puertos deportivos, que los tres tengan la marca Galicia Calidade". Tal e como explicou, "desde hace dos años primamos el convenio con Galicia Calidade y la idea es seguir manteniendo esta certificación e incrementándola en toda Galicia". Ambos clubs, o de Sanxenxo e Portonovo, teñen tamén bandeira azul.

Comentarios