viernes. 17.09.2021 |
El tiempo
viernes. 17.09.2021
El tiempo

Sanxenxo e O Grove, 'Polos Turísticos Intelixentes' atraídos polas tecnoloxías

José Ramón García Guinarte, José Cacabelos, Telmo Martín e Manuel Veloso, consultor de EOSA. DP
José Ramón García Guinarte, José Cacabelos, Telmo Martín e Manuel Veloso, consultor de EOSA. DP
A iniciativa, que persegue un maior control sobre a saturación dos destinos

"Para que logo digan por aí que Sanxenxo e O Grove se levan mal", bromeou o alcalde do Grove, José Cacabelos, ao inicio da presentación de Polos Turísticos Intelixentes, unha iniciativa na que están irmandados ambos concellos veciños. E é, en efecto, todo o contrario. Pois, tal e como explicou Cacabelos, "xuntos sacamos adiante un proxecto pioneiro en Galicia para facer do turismo desta área un turismo punteiro". Neste sentido, o obxectivo do proxecto, no que ambas administracións levan traballando baixo o paraugas da Mancomunidade do Salnés dende 2018, e que este venres presentaron no Náutico de Sanxenxo, pasa por "mellorar a oferta turística" de ambas vilas a través da intelixencia artificial, con datos a tempo real, entre as características máis destacables, que permitirán controlar a saturación dos destinos e gañar en seguridade.

Tal e como explicou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, as dúas Administracións desenvolveron o proxecto da man da empresa EOSA, nunha síntese de traballo que, aclarou o xerente da Mancomunidade do Salnés, José Ramón García Guinarte, "requeriu un traballo moi minucioso", polo que nestes momentos o seguinte paso é a saída a licitación da execución do proxecto sobre o que, ata o verán de 2022, non se comezarán a ver os primeiros avances sobre o terreo. Neste sentido, asegurou García Guinarte, as empresas que optarán á súa realización serán "as grandes tecnolóxicas do país", que visitarán Sanxenxo a vindeira semana.

Agárdase que este verán a execución do proxecto esté adxudicada, e completarase nun máximo de dous anos segundo as previsións, cunha realización inicial de cinco, se ben as administracións contémplano como "un proxecto de futuro" que, segundo Martín, "mellorará a toma de decisións que repercuten nos cidadáns do Grove e Sanxenxo, xa que con esta ferramenta acertaremos máis". 

CARACTERÍSTICAS. Aínda que algunhas delas xa se foran adiantando, coma as cámaras de videovixilancia para a monitorización do tráfico ou información en tempo real sobre a situación da praia de Silgar, que fará de areal piloto, o proxecto consta dun total de 12 claves que pasan, principalmente, por unha plataforma cerebro que interconectará todos os compoñentes; a mellora da conexión wifi con diferentes puntos de acceso e a mellora da capacidade; o citado control de afluencia de praias cun sistema de conteo e entradas delimitadas; unha aplicación móvil para que o turismo poida dispoñer de diferente información en tempo real; videovixilancia en zonas clave; o sistema de aparcamento intelixente, que incluirá paneis informativos sobre a dispoñibilidade de prazas en todo o municipio; un sistema de aluguer de bicilcletas; un xestor de contidos de uso interno; un portal web turístico que agrupará información do resto de compoñentes; un estudo tecnolóxico de sostibilidade para analizar os custes e posibilidades futuras do proxecto; un sistema de conteo de terminais móviles para saber se unha zona está saturada, e cámaras de tracking de vehículos. 

En clave de futuro: "Coller unha bici no Grove e deixala en Sanxenxo"
Unha das novidades do total do proxecto, e que Telmo Martín non dubidou en destacar este venres, é o punto que inclúe a posibilidade de alugar bicicletas en catro postos. De cara ao futuro, Martín falou sobre a posibilidade dun carril bici entre O Grove ata a Lanzada, por Portonovo e Sanxenxo. "Haberá que buscar unha fórmula para potenciar a bicicleta entre os dous concellos, que unha persoa poida collela en no Grove e deixala en Sanxenxo e viceversa". 

Custes
A totalidade do proxecto está valorado en 1,4 millóns de euros cun 60% de fondos Feder e outro 40% a cargo de ambas arcas municipais.

Sanxenxo e O Grove, 'Polos Turísticos Intelixentes' atraídos polas...
Comentarios
ç