Sanxenxo incrementou un 21% as novas empresas nos últimos dous anos

O municipio, que forma parte da rede de Concellos Emprendedores, sumou 81 negocios entre 2018 e 2020
Sanenxo. DP
photo_camera Sanenxo. DP

O municipio de Sanxenxo incrementou o número de negocios establecidos na localidade nos últimos dous anos, cunha subida de aproximadamente o 21% con respecto aos dous anos anteriores. Así, entre agosto de 2018 e xullo de 2020, sumou 81 empresas, mentres que no mesmo periodo de 2016 e 2018 o número de novos negocios creados en Sanxenxo foi de 67.

Sanxenxo forma parte da rede de Concellos Emprendedores dende xullo de 2018 e, segundo os datos da Xunta de Galicia, dende que se adheriu ao plan, creáronse 14 novas empresas no municipio.

En Galicia, un total de 133 municipios, como é o caso de Sanxenxo, colaboran nesta iniciativa co Goberno galego para a captación de novos investimentos. Segundo informou a Xunta de Galicia, "avaliando a comparativa de empresas creadas nesta localidade desde que é Concello Emprendedor con respecto ás cifras de constitución de compañías no mesmo periodo de tempo xusto anterior, obsérvase que a colaboración está dando resultado".

EMPRENDEDORES. A figura dos Concellos Emprendedores levouse a cabo no marco da Lei de implantación empresarial, o que, por parte da administración autonómica, significa dar prioridade aos Concellos Emprendedores como é o caso de Sanxenxo en convocatorias de ordes de axudas da Xunta de Galicia dirixidas ao fomento do emprego, como poden ser obradoiros, programas integrados de emprego, ou Aprol Rural, así como a mellora dos parques empresariais, creación de viveiros industriais, impulso da biomasa ou, por exemplo, para o desenvolvemento da actividade comercial.

Pola súa parte, os Concellos Emprendedores potencian a Lei de implantación empresarial a través da simplificación administrativa, outorgando diferentes beneficios coma a concesión das licenzas de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais desde que dispoñen de todos os informes, bonificacións e incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial no municipio, ou bonificacións no IBI, IAE e ICIO para os proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes.

Sanxenxo non só incrementou o número de novas empresas nos últimos dous anos, senon que algunhas delas viron a luz nun contexto de crise sanitaria como é a provocada pola covid-19, durante a cal no municipio abriron novos establecementos como bares, panaderías ou un servizo de lavado de coches.


Lía Cacheda (panadería Arte Sano)

"Siempre tiré para Sanxenxo, apareció este local y me lancé"

Lía Cacheda, de la panadería Arte Sano de Sanxenxo. GONZALO GARCÍAA sanxenxina Lía Cacheda vén de abrir Arte Sano, unha panadería moderna e actual no mesmo centro do municipio, situada á altura da rúa Augusto González Besada. Xunto coa parella, adicábase ao oficio en Meis ata o momento, no lugar de Paradela, e viu a oportunidade de ampliar o negocio, axudada pola súa irmá, coa que comparte xornada. "Soy de aquí de toda la vida, siempre tiré para Sanxenxo, apareció este local y me lancé", confesa.

Atopar un local axeitado para o seu proxecto de negocio en pleno corazón do municipio e coñecer o lugar foron, sen dúbida, os ingredientes necesarios para que o pasado 29 de xuño Arte Sano abrira as súas portas. "Sabía como se trabaja en Sanxenxo, sobre todo en verano", explica a propietaria, que viu unha oportunidade de negocio en plena pandemia.

A pesar da situación de emerxencia sanitaria, as fileiras de clientes son unha constante ás portas da panadería mantendo, iso sí, as medidas de seguridade axeitadas. A pesar de que Arte Sano viu a luz en tempos difíciles para a supervivencia dos pequenos negocios, Lía valorou moi positivamente a súa actividade ata o momento. "No tengo queja, entre semana el mes de julio se llevaba mejor, había menos gente y más en el fin de semana. Agosto fue muy bien, con colas todos los días. El pan es algo que no falta nunca en la mesa", di.


Sergio Dorado (bar La estrella del norte)

"Firmé el conrato del local diez días antes de que cerrase la hostelería"

Sergio Dorado, de la cafetería La estrella del norte, en Sanxenxo. GONZALO GARCÍASergio Dorado apostou pola hostelería nunha situación na que nada indicaba que o fora ter fácil. O ata hai unhas semanas propietario do coñecido bar de copas sanxenxino As Cordas quixo ampliar o seu abanico de negocios xusto antes do estado de alarma. "Firmé el contrato del local 10 días antes de que cerrase toda la hostelería", explica, unha situación coa que non contaba e á que, grazas á axuda do dono do local, que ofreceu unha rebaixa no aluguer, puido facer fronte.

Así foi como naceu La estrella del norte, un bar de almorzos, brunch e cócteles situado en pleno Paseo de Silgar, no mesmo local da que unha vez foi a cafetería Elcano, pechada hai tempo.

Unha vez que finalizou o estado de alarma, o novo negocio comezou a coller forma, coas pertinentes obras, para convertelo nun espazo renovado e acolledor. Abriu co aforo rebaixado e, pouco a pouco, foise adaptando á nova normalidade.

La estrella del norte, que ía comezar a funcionar na pasada Semana Santa, abriu as súas portas a mediados do pasado mes de xuño e agora, tras o peche de As Cordas, é o principal proxecto de Dorado. "Creo que en Silgar faltaba un sitio así, intentamos ser un lugar actual y captar un mayor abanico de público", explica.

Comentarios