Sanxenxo investiu 912.000 euros na mellora das praias entre 2018 e 2019

O Goberno local realizou un total de 200 actuacións nos areais do concello en dous anos ► As accións pasaron pola mellora de módulos de aseo e salvamento, entre outras
photo_camera A praia de Silgar, na pasada temporada de verán. JOSÉ LUÍS OUBIÑA

O Concello de Sanxenxo realizou un total de 200 actuacións nos areais do municipio entre 2018 e 2019, nos últimos dous anos de mandato encabezado polo Partido Popular. Así o explicou o edil de Medio Ambiente, Juan Antonio Deza, quen tamén apuntou que o investimento total para o acondicionamento das praias nas que se levaron a cabo ditas actuacións foi de 912.000 euros.

Deza quixo salientar as actuacións levadas a cabo no areal de Silgar ao longo deste periodo, no que tivo lugar o cambio da fachada dos baños públicos, do cableado, a mellora do acceso para discapacitados, a inclusión dun novo módulo mixto e a mellora do servizo de salvamento.

Outras das actuacións destacadas neste tempo tivo lugar na praia de Panadeira, onde o Goberno local adquiriu a finca colindante para mellorar o potencial da extensión e instalou uns baños fixos para suplir os módulos químicos existentes. As praias de Areas e Carabuxeira melloraron o seu acceso cun cambio de escaleira, así como tamén o areal de Canelas, o cal foi "a nosa primeira actuación nada máis chegar ao Goberno", segundo sinalou Deza.

A praia de Silgar mudou o acceso para persoas con discapacidade e o aspecto da fachada dos baños públicos neste tempo

O edil de Medio Ambiente fixo un balance "moi positivo" destas actuacións, ás que tamén hai que sumarlle a protección da zona dunar en Foxos, o asfaltado das pistas da praia de Bascuas, o novo módulo e servizo de salvamento en Montalvo ou a mellora do acceso a Areas Gordas, entre outras actuacións.

Neste sentido, Deza quixo resumir as melloras que se levaron a cabo nos areais nestes dous últimos anos en sete actuacións principais, un sistema de traballo que pasarou pola "sinalización" dos areais; o cambio de postes e cables en praias coma "O Espiñeiro, A Lapa ou Paxariñas"; o cambio de duchas por lavapés, cun volume total de 32 novos aparatos instalados; o cambio de papeleiras por contedores; a mellora dos módulos de aseo e salvamento, que tiveron lugar en areais coma A Lanzada, Silgar ou Baltar, estas dúas últimas con panelado incluido, e a disposición de cartelería informativa nos areais.

Próximo obxectivo. Bandeira azul para Area de Agra
O edil de Medio Ambiente, Juan Antonio Deza, asegurou que "Sanxenxo sempre se está actualizando", polo que o próximo obxectivo en materia de praias será "conseguir a bandeira azul para Area de Agra", algo que, asegurou, "non é doado, porque hai que dotala de servizos e de socorristas". sobre os socorristas, explicou, "cada vez é mais complicado conseguilos". Aínda así, o Goberno traballa para que "neste 2020 teña a bandeira azul xunto co desdobramento de Nosa señora con Foxos, Areas Gordas e Lapa".

Comentarios