De Sanxenxo para o mundo

The celtic motherland é o proxecto audiovisual co que o polifacético sanxenxino Marcos Redondo pretende mostrar ao mundo "a verdadeira alma de Galicia", unha visión "diferente" da súa terra que proxectará de xeito internacional a partir da vindeira semana
2020083112341483054
photo_camera Marcos Redondo en Punta Cabicastro (Sanxenxo), xunto á aguia "Thor", que aparece no "shortfilm". GONZALO GARCÍA

A "auténtica" alma de Galicia levaba batendo no peito do polifacético sanxenxino Marcos Redondo máis tempo do que pode explicar. Os "máis de 3.000 castros, e 2.000 máis enterrados, petróglifos, dólmenes, menhires, ríos, mares e bosques" precisaban unha voz, unha ollada "diferente" coa que mostrarlle ao mundo que Galicia non é ese lugar que "sempre se anuncia de xeito demasiado localizado e tirando sempre ao mesmo tipo de concepto que fóra non se entende, e que non chega a captar a esencia da nosa terra nai", di. Así é como nace The celtic motherland, un proxecto audiovisual no que Redondo explora, a base de imaxes que prometen ser sobrecolledoras "o verdadeiro significado da nosa terra", a través da recreación da súa faceta máis salvaxe e ancestral.

The celtic motherland está concebida coma unha serie de shortfilms de tres minutos cada un, dos cales a primeira entrega, rodada recentemente, verá a luz a partir da vindeira semana. O vídeo é, segundo explica Redondo, alma máter do proxecto, unha viaxe polo sur de Galicia, con fascinantes imaxes do Barbanza, o Ézaro, e diferentes localizacións "de tradición celta, coma o Olimpo do Monte Pindo" sobre o que, confesa, "subir alí foi un reencontro cunha antiga parte miña". O vídeo tamén amosa as Illas Cíes, "ás que viaxamos a bordo dun veleiro", o monte do Facho, a ruta da Pedra da Auga, o dolmen de Axeitos, "onde escenificamos unha cerimonia preciosa", e "algún segredo que me gardo para a estrea". O vídeo, ademais, conta con dous singulares protagonistas, a aguia Thor e o lobo Aquiles, que recrean esa "alma salvaxe" que Redondo quere ensalzar. "Espero que todo galego e galega sinta esa emoción que queremos transmitir, que os nosos fillos e fillas poidan recuperar ese orgullo pola terra que non nos separa de nada, senon que nos une a todos", di.

AS ORIXES. Marcos Redondo non é un profesional do audiovisual, senon máis ben un viaxeiro nato cheo de inquietudes. Nacido en Londres, de familia de Sanxenxo, a onde volveu cando el contaba con poucos meses de vida, Redondo comezou o seu periplo de viaxes con 16 anos, e a vida levouno a dedicarse ás masaxes, unha paixón que o levou a formarse en diferentes técnicas en Tailandia, e posteriormente na India, no Himalaia, no Xapón e en Turquía. "Despois de practicar a profesión moitos anos, levoume a percorrer moitas partes deste planeta para ensinala". Ata que a Covid-19 detivo toda a súa actividade internacional, impartía retiros e obradoiros de masaxe tailandesa e ayurveda ao redor do mundo. Entre o seu público privado atópanse diferentes empresarios de talla internacional.

Foi precisamente nestas viaxes nas que explorou a faceta máis natural e salvaxe do mundo que, dalgún xeito, fíxoo conectar aínda máis coa Galicia natal. "É algo precioso porque estas viaxes son unha contraste coa natureza de moitos países, e daste conta do que temos nós. Eu chámolle a Galicia o país de mil países, no que podes atopar todo tipo de climas, praias, costas e montañas", explica. Ao deterse a súa actividade a causa da Covid-19, houbo tempo para sacala adiante. "Parouse todo. Diego Matellán, o cámara de drons, preguntoume que iamos facer co proxecto. Penseino e, cun pouco de medo, porque todo o meu traballo a nivel internacional estaba paralizado, dinlle para adiante. Este é un agasallo que lle quero facer á miña terra, para mostrala dende o respecto polas nosas raíces e ancestros", conta.

E así comezou a rodaxe, á que pronto se engadiu Alex Timelapse, "que acababa de chegar de Hong Kong coa súa parella. En canto abriron as fronteiras comezamos a viaxar ás localizacións galegas, das cales a primeira foi as Illas Cíes".

A primeira entrega da serie de shortfilms está completamente autofinanciada polo propio Marcos Redondo, se ben o equipo agarda que as vindeiras poidan contar con patrocinios. As ideas xa están sobre a mesa, polo que a serie The celtic motherland mostrará, no futuro, "Galicia noutras épocas do ano, noutro contexto". Porque, para Redondo, tamén é importante "a Galicia chuviosa, que hai que gozar tamén cun chuvasqueiro, polo monte adiante". En definitiva, Galicia tal e como é, nas súas diferentes facetas, pero en toda a súa esencia.

Tecnoloxía e medievo
Gon Sanxenxo. Foto para reportaxe a Marcos Redondo, que esta rodando para ensinar Galicia ao mundo. Quedamos con el directamente en Punta Cabicastro para facer alí as fotos, sábado, 29 ago · 12:30–12:30
O equipo que arrodea a Marcos Redondo nesta aventura celta está composto por Diego Matellán, cámara de drons do Grove, e pioneiro no uso do FPV Flyer, e Alex Timelapse, cámara pontevedrés e director de esceas.

Entre o elenco atópase tamén Rapiñas do Salnés, que aportou a Thor e Aquiles con moita mestría. A música corre a cargo de Ape Chimba & Ebyan, e os traxes e vestidos de época foron cedidos pola empresa poiense Galice, e confecionados por María e Beatriz.

 

Comentarios