Sanxenxo, primeiro concello galego declarado de preferente actuación turística

Esta figura outorgará á localidade "máis seguridade xurídica", segundo explicou o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez
2020052412074718147
photo_camera 2020052412074718200

O concello de Sanxenxo converteuse no primeiro territorio de preferente actuación turística de Galicia. Esta figura, tipificada na Lei de Turismo, outorgará á localidade "máis seguridade xurídica", segundo explicou o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez.

Esta declaración "identifica a aqueles territorios que deben cumprir uns esixentes e específicos criterios e que, polas súas especiais características, demanda tamén unha actuación singular das administracións públicas", segundo explicou a Xunta nun comunicado.

Rodríguez participou no acto de declaración da vila como territorio de preferente actuación turística xunto con Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, e Alfonso Matínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo. O conselleiro salientou que a distinción permite "afianzar o noso modelo turístico sustentable e ordenado", e adiantou que a figura xurídica permitirá "facer desta vila un lugar mellor para visitar e tamén para vivir".

O responsable de Turismo avanzou que a Xunta colaborará co concello de Sanxenxo no impulso do turismo deportivo, creando unha rede de itinerarios en augas abertas "que combinen turismo, deporte e medio ambiente". 

Telmo Martín, pola súa parte, lembrou que este ano é "moi difícil para a actividade turística de Sanxenxo".

Comentarios