Sanxenxo programa actividades de lecer para as xornadas previas ao Nadal

O municipio celebrará o tradicional Festival de Panxoliñas, e contará con actividades para os máis pequenos, con obradoiros e merendas
O Concello acendeu a iluminación de Nadal a semana pasada. GONZALO GARCÍA
photo_camera O Concello acendeu a iluminación de Nadal a semana pasada. GONZALO GARCÍA

O Nadal chega este ano a Sanxenxo cargado de novidades e pisando forte a nivel de programación, que xa se deixará sentir no municipio durante as xornadas previas, con actividades solidarias, panxoliñas, contacontos, teatro, merendas e obradoiros, que terán lugar entre o 12 e 19 de decembro.

Xunto á aldea de Nadal que estará instalada en Vilalonga durante a xornada do domingo, pero xa pola tarde, ás 19.00 horas, o Pavillón de Usos Múltiples de Portonovo acollerá o Festival de Panxoliñas 2021, coa Asociación Coral Polifónica Santa María de Adina de Portonovo.

O Concello retomará este ano os Obradoiros de Nadal a través do departamento de Animación Sociocultural de Sanxenxo. O prazo de inscrición ábrese o 13 de decembro ata cubrir prazas, de 11.00 a 13.30 horas. Tal e como informaron dende o Goberno local, os interesados deberán chamar ao teléfono 986 727 936 para anotarse nas actividades, que se desenvolverán en varios puntos do municipio. Os días 22 e 23 de decembro a Casa de Cultura de Adina acollerá estes obradoiros, mentres que o Pazo de Emilia Pardo Bazán daralles cabida os días 27 e 28 de decembro. Por último, a actividade realizarase no pavillón de Vilalonga o 29 e o 30 de decembro.

No municipio tampouco faltarán os contos de Nadal nin o chocolate. Neste sentido, o Concello programou un contacontos na Biblioteca de Portonovo para o vindeiro 18 de decembro, ás 11.00 horas, con Que Nadal de contos. Aqueles que queiran asistir deberán inscribirse no 986 691 149. O mesmo día, xa pola tarde, ás 20.00 horas, a Comisión de Festas de Dorrón organiza unha merendola de Nadal no campo de festas A Bouza.

Para finalizar a previa ao Nadal, o 19 de de decembro o clube de Xubilados de Portonovo, a través do seu grupo de teatro Maruxía, subirase ao escenario para representar A familia sempre unida no pavillón de usos múltiples de Portonovo, ás 19.00 horas.

FOGOS E EVENTOS. Posteriormente, durante as datas sinaladas destas festas, o Concello xa anunciou varias novidades coma unha tirada de fogos de luces que terá lugar na noite de Fin de Ano, ás 20.00 horas, como broche de ouro a unha xornada de celebración marcada polo tradicional Fin de Ano adiantado, que este ano retoma a asociación O Cubreiro, organizadora da cita, e ao que lle seguirá un chapuzón solidario na praia de Silgar, outra das novidades do Nadal 2021, para colaborar coa fundación Aladina.

Aldea de Nadal en Vilalonga
A aldea de Nadal de Vilalonga recibirá aos visitantes este domingo, 12 de decembro, cunha extensa programación que comezará ás 11.00 horas, cunha Andaina Solidaria de Papa Noeles dende a Alameda.

Ás 13.00 horas celebrarase a sesión vermú con pulpeiro e ás 16.30 horas disputarase un partido entre o Villalonga F.C. e o Umia C.F. Ao remate, ás 18.00 horas, terá lugar unha actuación a cargo de Os Cruceiros de Vilalonga, e posteriormente haberá unha chocolatada, co mercadillo funcionando todo o día.

Comentarios