Sanxenxo recupera o Fin de Ano adiantado: "Que a xente queime todo o que pasamos"

A Asociación O Cubreiro, "alma máter" da cita, vén de poñer en marcha a organización da que xa se converteu nunha tradición de media década no municipio, tras a luz verde do Concello
O evento incluirá a tradicional queima de calendarios. RAFA FARIÑA
photo_camera O evento incluirá a tradicional queima de calendarios. RAFA FARIÑA

Unha pandemia despois, regresa unha das citas máis representativas do calendario de Nadal de Sanxenxo e que, coa súa aproximadamente media década de tradición, xa se converteu en todo un emblema. Trátase do chamado Fin de Ano adiantado ou, o que é o mesmo, tomar as 12 uvas o día 31 de decembro, pero 12 horas antes do habitual. No caso da vila turística, en realidade, as uvas poden ser substituídas por lacasitos, gominolas ou bombóns, ao gusto do consumidor, sempre que sexan as 12 que marca a tradición.

Para o presidente da asociación O Cubreiro, entidade que cada ano organiza o evento na céntrica praza Pascual Veiga, en colaboración coa Concellería de Cultura, é unha grande ledicia "poder retomar a tradición. Estamos moi contentos", asegurou. Neste sentido, garante que o Fin de Ano adiantado irá "con todo", incluída a tradicional queima de calendarios, unha acción simbólica para eliminar os malos recordos: "por suposto que a mantemos. Que a xente queime todo o que pasamos con esta pandemia", desexa Pintos.

Tras a luz verde do Concello de Sanxenxo, cuxa programación este ano tamén volve ao grande, coa gran novidade da tirada de fogos artificiais durante a noite de Fin de Ano, a Asociación O Cubreiro xa se puxo mans á obra coa organización do evento diurno que en anos anteriores foi amplamente respaldado por centos de asistentes. Neste sentido e, aínda que tendo en conta "como vaia evolucionando a situación sanitaria no sucesivo", dende O Cubreiro chaman aos sanxenxinos e sanxenxinas a formar parte desta festa, sen esquecer na casa os seus 12 elementos para acompañar ás campanadas a plena luz do sol. Como é habitual, agárdase que o Concello ceda o queimador para a queima de calendarios, e que os locais de hostelería dos arredores cedan botellas de cava, para engadir máis ledicia á celebración.

A Asociación O Cubreiro, que organiza outras citas emblemáticas no municipio ao longo do ano, como é o caso do Mundial de Colchonetas, que se celebra no verán na Praia da Panadeira, conta agora con "enerxías renovadas" para celebrar un Fin de Ano por todo o alto, un evento que, ademais, dinamiza en gran medida a actividade na hostelería da contorna. "Nós estamos pendentes de todo, no mesmo día hai que traballar moito, pero temos a experiencia doutros anos e merece a pena", salientou Pintos.

Comentarios