Sanxenxo resiste cos pequenos aloxamentos

Cets asegura que as novas restriccións foron o "golpe definitivo" nun municipio onde os grandes hoteis tiveron que baixar a persiana
O xerente do Mardevela amosa unha das habitacións do hotel, que estaba aberto este mércores. GONZALO GARCÍA
photo_camera O xerente do Mardevela amosa unha das habitacións do hotel, que estaba aberto este mércores. GONZALO GARCÍA

Entrar a Sanxenxo pola vía rápida e comprobar que continúa pechada a gasolineira Repsol situada en plena rotonda, que rexistrou hai uns días un positivo por covid-19, é, cando menos, presaxio dun escenario atípico no municipio.

A pesar de atoparse no limbo da tempada entre o Nadal e a próxima Semana Santa, a imaxe do Sanxenxo de finais de xaneiro non se correspondía este mércores, nin moito menos, á habitual do día a día normal no municipio, de cafés ás 12.00 horas e algunha que outra caña coas ondas de fondo, batendo con forza en Silgar. As restriccións borraron do mapa ao sector hosteleiro dun plumazo e, no caso concreto dos hoteis que habitualmente aguantan a tempada ata a Semana Santa, o golpe foi duro. Transitar de punta a punta o municipio significa ver pechado o portalón do Hotel Carlos I, e as persianas do Augusta baixadas. Os catro estrelas, que en situación normal capeaban as semanas nas que baixa a actividade no municipio, tiveron que tirar a toalla.

A actividade hoteleira en Sanxenxo redúcese, nestes momentos, a tres únicos pequenos hoteis que, grazas a ser negocios familiares na súa maioría, conseguiron resistir. Son Mardevela e Son do Mar, preto da praia de Panadeira, e Varadoiro, en Portonovo. No caso do primeiro, o seu xerente, José Luis Ameneiros, explica que, tras pechar por Nadal, non albergaba "expectativas para a apertura", que tivo lugar o pasado día 7. A pesar diso, o hotel sobrevive "grazas a que somos un negocio familiar e a nosa clientela son empresas e comerciais", asegura. Neste sentido, o mércores tiña cinco das súas habitacións ocupadas, e este xoves tres.

Para o sector, as novas restriccións que entraron este mércores en vigor foron "o golpe definitivo". Así o explica o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (Cets), Alfonso Martínez, quen, aínda que asume que "la salud es lo primero", agarda "ayudas para el sector. De hecho, estamos teniendo reuniones con las administraciones para buscar salidas", asegura, nun escenario no que as empresas "ya no tienen capacidad de financiación. Pasamos de tener falta de liquidez a tener falta de solvencia. No estamos obligados a cerrar, pero la situación es insostenible, aunque entendemos que alguno tiene que abrir". No caso de Cets, son dous os asociados que permanecen coas portas abertas, complementando a oferta de pisos turísticos.

A pé de rúa, o ambiente é de cautela. No Mercado de Sanxenxo entraron o mércores pola porta unhas 80 persoas, unha cifra insignificante en comparación coas 300 habituais que acoden alí entre semana. "Foi mortal, quedar na casa sería moito mellor. Temos clientela de Meaño e das zonas máis achegadas a Poio que non pode vir", sinala o presidente dos praceiros, Egidio Barral, que chama a que a xente "continúe facendo encargos a domicilio".

Comentarios