Sanxenxo resolverá a anomalía dos últimos 12 funcionarios Munpal

O Pleno abordou a polémica do suposto ocultamento dos síntomas de Covid-19 dunha auxiliar de Policía
undefined
photo_camera Telmo Martín. DP

O Pleno ordinario do Concello de Sanxenxo celebrado na noite do luns de xeito telemático aprobou, por 16 votos a favor (PP, PSOE, BNG e Cs) e unha abstención por parte de SAL, unha proposta da alcaldía que contempla o cambio de modalidade de 13 funcionarios da antiga mutualidade Munpal, que a partir do 1 de xaneiro entrarán na Seguridade Social.

Trátase dunha situación anómala que aínda persistía no concello, pois a Munpal leva extinta dende 1993, momento no que o Concello de Sanxenxo optou por asumir os custes da cobertura destes traballadores polo que, agora, ao integrarse na Seguridade Social, pasarían a igualar as súas condicións ao resto de funcionarios xa que, no caso da Munpal, a súa cobertura era sanitaria e farmacéutica para os traballadores e os seus familiares. Segundo se explicou no Pleno, o Concello podería aforrar uns 66.000 euros anuais co cambio á Seguridade Social, unha medida que foi secundada pola edil do BNG, Sandra Fernández. "É unha medida igualatoria e económicamente boa para o Concello, tendo en conta os tempos que veñen", dixo.

Aínda que o seu voto foi favorable, a edil do PSOE, Ainhoa Fervenza, aproveitou a ocasión para reclamar "un paso al frente por parte del Concello, que debería hacer un cambio de contrato de consolidación de los puestos de trabajo para que los trabajadores no estén sometidos a los que gobiernan". Fervenza incluso chegou a denunciar supostas "ameazas" aos traballadores, o que provocou a réplica do alcalde, Telmo Martín que, tras silenciar o micrófono de Fervenza, asegurou que "de los 236 trabajadores que tiene este ayuntamiento 166 son personal indefinido. Como alcalde, no estoy de acuerdo con sus afirmaciones".

Neste sentido, a edil de Ciudadanos, Vanessa Rodríguez, urxiu a que o Concello "chegue a estar en circunstancias de facer unha Relación de Postos de Traballo (RPT) para "poñer xustiza nas remuneracións". Así, explicou que "hoxe en día temos unha situación na que dúas persoas que fan a mesma labor teñen retribucións completamente distintas".

O edil de SAL, Yago Torres, como representante do único dos grupos presentes que se abstivo, criticou o feito de que "o cambio á Seguridade Social se faga porque veñen tempos malos", en alusión á cuestión económica, na que tamén fixo fincapé Fervenza, quen estimou que se o cambio á Seguridade Social dos traballadores se fixera "desde el principio", o aforro sería dun total de 1.200.000 euros. O alcalde, Telmo Martín, respondeu á cuestión, asegurando que "se podría haber hecho desde el año en que ustedes ganaron las elecciones con una moción de censura que nunca debió existir".

COVID-19. O Pleno tampouco estivo exento do debate pola xestión da Covid-19 no Concello. Mentres que o concelleiro de SAL pediu a instalación de dispensadores de xel nos caixeiros, a edil de Ciudadanos puxo sobre a mesa no turno de preguntas unha suposta ocultación dun caso de síntomas de Covid-19 por contacto cun positivo dunha auxiliar de Policía Local á que, segundo indicou Rodríguez, supostamente o edil de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, "ordenó irse para su casa y no informar a nadie del motivo de su ausencia". Pola súa parte, o alcalde e o edil de Seguridade Cidadá negaron ter constancia da existencia desta circunstancia. A edil do PSOE tamén chamou a atención porque, a causa da Covid-19, os traballadores da piscina municipal "están realizando tareas de albañilería que no tienen por qué saber hacer".

Comentarios