Sanxenxo suma 40 colonias ferais e o voluntariado pide máis recursos de esterilización

O Concello destina 5.500 euros este ano á atención das camadas e establece un cupo por colonia para o CES ► No primeiro mes de funcionamento do programa lévanse investidos xa 2.000 euros
undefined
photo_camera Gatos dunha colonia situada na Lanzada. DP

O municipio de Sanxenxo suma, nestes momentos, un total de 40 colonias ferais, segundo os datos da Concellería de Medio Ambiente, das que a Asociación Peludos Invisibles de Sanxenxo (APIS) logrou contabilizar unhas 30, alertando dun posible 'boom' en canto á aparición de novas camadas a un mes vista. Segundo explicou a presidenta do colectivo, Amalia González, se ben APIS atópase nestes momentos nunha situación de "relativa calma", con catro gatos pendentes de adopción ou acollida, "nun mes e pico imos estar desbordados outra vez", tal e como aconteceu o pasado verán, no que a asociación tivo que paralizar a actividade de recollida por sobrecarga.

Por este motivo, o colectivo, que actualmente conta con tan só catro voluntarias, pide máis recursos para a esterilización das colonias, que se viron afectadas pola falta do procedemento Captura-Esterilización-Solta (CES) o pasado ano no que, tal e como aclararon dende a Concellería de Medio Ambiente, a pandemia freou o procedemento de licitación. Neste sentido, o Concello aumentou a partida para o servizo de atención ás camadas, que pasou de 3.000 a 5.500 euros este ano e no que, tras un mes de funcionamento, xa se investiron 2.000 euros.

Co obxectivo de repartir a atención entre as diferentes colonias, a Concellería estableceu este ano un cupo ampliable de tres animais por colonia sobre os que se aplicará o procedemento CES, unha medida que dende APIS consideraron insuficiente porque, tal e como opinaron dende o colectivo, "non acaba co problema. Anteriormente podiamos castrar colonias enteiras ata que se acababa o orzamento, como fan as compañeiras de Difusión Felina no concello veciño de Pontevedra, mentres que, deste xeito, non se erradica a brutal multiplicación que estamos tendo. Dun gato poden saír outros 15, e non solucionamos nada esterilizando tres dunha colonia", sinalou a presidenta de APIS.

Segundo explicaron dende o colectivo, as colonias ferais están repartidas por todas as parroquias do municipio, cunha presenza moi marcada en Vilalonga e lugares como A Lanzada, A Revolta ou no porto deportivo de Sanxenxo. Especialmente, no porto "temos unha colonia que xa é moi famosa", destacou González, quen tamén indicou que os grupos de gatos de cada zona poden variar dos cinco aos 20.

"Hai xente que se porta moi ben, e que contribúe a castrar e alimentar as colonias do seu propio peto" pero, sinalaron, a carga é moi alta. "Agora, a mediados de xuño, moitas gatas están para parir e outras xa o fixeron, do celo de febreiro. Entre que o ano pasado non houbo CES e este ano hai cupo por colonia, en pouco tempo vanse multiplicar", sinalou.

Dende a Concellería de Medio Ambiente explicaron que, do orzamento destinado ao coidado destes animais, unha parte vai para o CES e outra para a sufragación de gastos por atropelos ou veterinarios de gatos ou cans da rúa polo que, a cifra de esterilizacións podería variar en función do orzamento restante destes coidados. Segundo os datos municipais, a esterilización dun gato supón 63 euros para as arcas públicas, mentres que a dunha gata 180 euros, e pagos derivados de accidentes uns 250 euros. "O obxectivo non é gastar o orzamento nunha soa colonia, ten que estar repartido para que, cando se abre o prazo, todo o mundo teña a opción de solicitar o servizo", sinalaron dende o departamento municipal.

Axuda económica: "Aínda temos unha débeda de 3.000 euros"
A Asociación Peludos Invisibles de Sanxenxo atravesa nestes momentos unha delicada situación económica, tras dous anos de pandemia nos que "non puidemos celebrar a ceaaniversario, na que conseguiamos recaudar a maior parte dos cartos". Neste sentido, explicou a presidenta, "aínda temos unha débeda de máis de 3.000 euros, derivados dos gastos de hospitalizacións longas, e non recibimos axuda económica a nivel institucional, só dos socios e doazóns".

Mercadillo, hoxe

Precisamente, a entidade organiza hoxe un mercadillo solidario na sanxenxina praza de Pascual Veiga, de 11.00 a 14.00 horas, e atópase preparando unha rifa, ademais de ter producido unha liña de camisetas solidarias.

Comentarios