O municipio de Sanxenxo volve estar en alerta polo envelenamento de animais nos espazos públicos, que esta fin de semana causaron a segunda morte nos últimos meses. Esta vez trátase de Yako, un boxer que, segundo lamentou a familia a través das redes sociais, levaba 12 anos ao seu carón. Neste sentido, a Asociación Peludos Invisibles, que recibiu o aviso do sucedido, sumouse a condenar estes actos "crueis". No mes de novembro, un envelenamento levou tamén por diante a vida do pit bull Thor que, tras inxerir algún alimento envelenado no parque de Baltar, tivo que ser sacrificado despois de 10 días de agonía. No caso do boxer Yako, o suceso tivo lugar a última hora deste sábado, mentres paseaba polas inmediacións da praia e do porto de Portonovo. Neste caso, tal e como informou a presidenta de Peludos Invisibles, Maly González Lede, "a familia non notou nada ata que, ao chegar a casa o can atopouse mal. Polo visto chegaron a ir ao veterinario pero xa non se puido facer nada, e o domingo faleceu". A asociación deu a voz de alerta sobre estes sucesos que se están a repetir nesta zona do municipio, lembrando que "hai uns meses algún gato de colonia, como foi o caso de Filipo, apareceu envelenado na mesma zona, pero afortunadamente puido collerse a tempo".
Dende Peludos Invisibles piden "calma" para afrontar unha situación sobre a que o Concello de Sanxenxo tamén emitiu un aviso a principios de mes e, indican, a pesar de que "é moi duro, ninguén debe tomar a xustiza pola man".