O Sergas cubre catro das cinco ausencias de facultativos no Grove

Centro de Salud de O Grove. GSV
photo_camera Centro de Salud de O Grove. GSV

As xestións administrativas efectuadas pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés lograron cubrir catro das cinco ausencias imprevistas de médicos de Atención Primaria no centro de saúde de O Grove, que afectaban ao cadro de persoal e á propia actividade asistencial deste centro de saúde dende a pasada semana. Coa xestión efectuada, a Xerencia da Área Sanitaria mantén agora unha dotación de profesionais sanitarios para o centro de saúde grovense que acada os sete médicos de familia, dous pediatras e sete efectivos de enfermaría.

AUSENCIAS. No mes de xuño, cando xa estaban ofertadas as substitucións de vacacións, un dos médicos presentou unha incapacidade temporal, na que continúa actualmente, aínda que precisamente a este facultativo, no momento actual, corresponderíalle estar de vacacións. A semana pasada, outro dos facultativos que estaba a traballar no centro de saúde grovense tivo que ausentarse da actividade de xeito repentino por unha cuestión persoal urxente. O pasado 12 de agosto non acudiu a traballar un dos médicos, anunciando esa mesma mañá que presentaría unha baixa laboral, polo que os seus pacientes, aos que non se lles puido retrasar a cita, tiveron que ser atendidos polos médicos que quedaban no centro de saúde de O Grove. Ese mesmo día outra facultativo notificaba problemas de saúde e abandonaba o seu posto de traballo, polo que os seus pacientes foron atendidos por outra compañeira, quen o 13 de agosto tampouco acudiu ao seu posto de traballo, o que motivou que non se puidera dar aviso aos pacientes.

Comentarios