Soalleira suma uns 300 asociados: "Levamos anos pedindo un local propio"

O colectivo combina as clases de cinco disciplinas entre a Cultural de Dorrón e o pavillón do colexio, ante a falta de espacio e o seu crecemento
Alumnado de Soalleira durante unha actuación a principios de outubro. DP
photo_camera Alumnado de Soalleira durante unha actuación a principios de outubro. DP

Cando pasa das cinco da tarde cada venres en Dorrón, o son de gaitas e pandeiretas non deixa de escoitarse ata ben entrada a noite. Pero se antes eran as inmediacións do edificio da Cultural as que se arrodeaban de música todo o día, agora o son provén das instalacións do colexio, a onde a Asociación Cultural Soalleira tivo que trasladarse a causa da falta de espacio derivada da loxística ligada ao seu crecemento.

Actualmente, o colectivo suma ao redor de 300 socios e socias, e imparte clases de baile, pandeireta, gaita, percusión e canto a diferentes grupos de todas as idades. Por iso, a volta á actividade tras a pandemia trouxo consigo varios cambios derivados de altas e baixas, así como a substitución do profesorado, que forzou un cambio no día de ensaio adxudicado no edificio da Cultural, pasando dos xoves ao venres. Sen embargo, a incompatibilidade de horarios coa actividade do colectivo de Mulleres Rurais nun espazo limitado como é o da Cultural fixo necesaria a deslocalización de parte das clases de Soalleira ao colexio, permanecendo soamente a actividade dos grupos máis cativos na Cultural os mércores.

"Se damos todas as clases na Cultural temos que parar durante unha hora, e para algúns nenos que teñen varias clases diferentes faise demasiado. O ideal sería que tiveramos un local propio para a asociación, levamos anos pedíndoo", explica a presidenta de Soalleira, María Agís.

Neste sentido, o aumento da actividade da asociación fixo medrar tamén de xeito exponencial o seu backline e o atrezzo que empregan durante as súas actuacións. "Temos todo o equipo de son e os traxes gardado en casas da xente da directiva da asociación. Cun local para nós poderiamos dispoñer tamén dun espazo de almacenaxe mellor, que nos facilite o día a día", sinalou Agís.

TODO UN DINAMIZADOR

A Asociación Cultural Soalleira de Dorrón é todo un axente dinamizador da cultura e da tradición popular, especialmente no municipio de Sanxenxo e tamén na súa contorna. "Temos moitísimo alumnado e moita oferta cultural», lembra a presidenta. Precisamente, esta actividade céntrase tanto en datas sinaladas no calendario sanxenxino como en celebracións propias, que axudan a dar a coñecer a actividade do colectivo e, polo tanto, a riqueza cultural do municipio. "Participamos en grandes eventos coma os que xiran arredor do Nadal, organizamos concursos e citas coma a Muiñada, e traballamos para promocionar a cultura e a tradición. Por iso tamén nos gustaría que se nos facilitaran os medios para poder continuar coa nosa actividade do mellor xeito", sinalou Agís.

Neste sentido, cabe destacar que o Concurso de Música Tradicional, que celebrou a súa última edición o pasado mes de maio, así coma a Muiñada no entorno do muíño de Xián, que tivo lugar o pasado mes de xuño, son xa dous referentes a nivel galego e comarcal, que cada ano atraen agrupacións de toda a comunidade autónoma e visitantes de diferentes procedencias.

Próxima cita:
En novembro haberá foliada
A Asociación Cultural Soalleira prepara para o vindeiro mes de novembro unha cita que virá a dinamizar o calendario outonal de Sanxenxo. Trátase dunha foliada, que contará tamén con obradoiros arredor da tradición que promove o colectivo, e que está prevista para o vindeiro día 26.
No sucesivo, a asociación continuará participando nos grandes eventos do municipio arredor das datas sinaladas que xiran en torno ao Nadal, e encara a vindeira tempada continuando coa formación do seu alumnado.
Máis de tres décadas

O colectivo suma na actualidade 31 anos promocionando a cultura, grazas a unha iniciativa que xurdiu arredor do CEIP Magaláns nos anos 80 e que agora converteuse en toda unha institución.

Comentarios