O soño daquela nena de Dorrón

Herdou a paixón pola lectura da súa nai e tanto a escritura como a psicoloxía son vocacionais dende a infancia. Marta Martinez Novoa, que acaba de anunciar a segunda edición do seu libro Que sea amor del bueno, combina ambas facetas, ao tempo que triunfa en Instagram
undefined
photo_camera A escritora xunto á súa inseprable cadela Arra, na praia de Baltar. GONZALO GARCÍA

A Marta Martínez Novoa (Dorrón, 1994) o éxito pillouna por sorpresa: "Non contaba con isto para nada, todo me está pasando tan rápido que aínda non tiven tempo de asimilar o que significa para min". Isto cóntao apenas uns días despois de anunciar a segunda edición do seu libro Que sea amor del bueno (Zenith, 2022), que saíu á rúa o pasado mes de marzo, e tras presentalo en Sanxenxo, Madrid e Barcelona, en tres sesións onde os reencontros, os sentimentos e as boas conversas foron os ingredientes perfectos para afianzar unha comunidade que hoxe supera os 300.000 seguidores en Instagram.

A conta abriuna hai tan só ano e medio, e foi un xeito de difundir os seus coñecementos como psicóloga, profesión que actualmente exerce no municipio e cara á que xa dende cativa apuntaba maneiras. "Chegou entre os seis e os oito anos. Sempre me gustou saber dos demais e como estaban. No colexio dicíanme que era unha cotilla, pero eu só quería escoitar. A esa idade tiña problemas de sono e coincidiu con que fun por primeira vez á psicóloga. Foi unha experiencia tan satisfactoria que dixen que cando fose maior quería facer o mesmo coas persoas", conta.

Marta abriu a súa conta en Instagram hai tan só ano e medio e actualmente supera os 300.000 seguidores

A Marta tocoulle vivir no entorno familiar "certos problemas de saúde mental, que é algo que nos pasa a moitas persoas que logo acabamos estudando psicoloxía. A música sempre foi a miña segunda paixón, pero vin que me tiña que adicar a algo relacionado co mundo das emocións. Gustábanme moitas cousas pero tiña que adicarme a isto, e foi o que estudei", afirma.

A paixón pola lectura e a escritura chegou incluso antes. "A miña nai era mestra e lía moito, e sempre tiven a casa chea de libros. Tiña moi normalizado o de estar lendo continuamente e sempre en cada aniversario e cando remataba o curso ela levábame a unha librería e dicíame: "Veña, elixe varios libros e non te preocupes polo número". Faciamos isto varias veces ao ano e encantábame. Comecei a desenvolver moito interese pola lectura e devoraba os libros moi rápido". Na súa nenez defínese coma unha rapaza moi imaxinativa, "tanto, que houbo momentos na infancia nos que ata se preguntaban se vivía na realidade", conta entre risas.

Marta escribía, incluso cando aínda non sabía escribir ben. "Facía historias con debuxos e, cando aprendín a escribir, nos recreos ía de pesada a xunta unha mestra que era amiga da miña nai, para que mas corrixise e lles fixese debuxos, que se lle daba moi ben. Ela escribía libros, e sempre estaba loitando coas editoriais para que llos publicasen", di.

Xa cando medrou un pouco, e tamén nos anos da adolescencia, para Marta a escritura foi "unha ferramenta a nivel terapéutico". Facía diarios e mantívoos neses anos cruciais. "Eu escribía a miña vida, na adolescencia pasei máis a escribir sobre min e para min, sempre me axudou a ordenar o caos mental".

ESCRITORA. O auxe do seu perfil nas redes chamou a atención de Planeta de Libros, que lle propuxo divulgar os seus coñecementos a través dun libro no que Marta aborda a responsabilidade afectiva e os xeitos de detectar conductas tóxicas. "A idea de escribir un libro sempre estivo aí, pero non o vía posible, tiña a referencia desa mestra que se esforzaba e á que nunca lle publicaban os manuscritos". Pero o soño volveuse realidade e, na dedicatoria, figura o "primeiro amor" da escritora: "mamá", unha eterna inspiración que sempre leva no pensamento.

O éxito do libro está sendo tal que a autora e a editorial proxectan crear outros formatos "para que sexa o máis inclusivo posible"

Para Marta, a vida cambiou radicalmente, pero non o seu día a día. Unha das súas actividades favoritas segue a ser pasear con Arra, a súa inseparable cadela, pola praia de Baltar, e gozar dos pequenos momentos (e grandes) da vida. "Non podo crer que alguén me coñeza e se emocione. Entendo que tamén é polos temas que trato. Sei que teño certos seguidores pero vivía todo isto a nivel virtual. De repente, poñerlle cara á xente que che escribe a miúdo, poder abrazar ás persoas e compartir presencialmente as historias é incrible. Para min está sendo moi emocionante e moi impactante", asegura.

O éxito de Que sea amor del bueno está sendo tal que a autora e a editorial proxectan crear outros formatos "para tratar de que chegue a máis xente e sexa o máis inclusivo posible. Propuxéronmo o outro día e foi unha ledicia máis", afirma.

Mentres tanto, a comunidade virtual de Marta, a psicóloga, escritora e instagramer do municipio de Sanxenxo, segue a aumentar, e gaña cada vez tamén máis adeptos cos que compartir experiencias en persoa. "As redes, ben utilizadas, son un elemento transformador da sociedade", di.

Comentarios