A 'Surfeira', única no mundo, navegará este verán tras a súa recuperación

Na súa recuperación lévanse xa investidos 30.000 euros
A 'Surfeira' durante o proceso de reparación nos talleres. AMIGOS DA DORNA
photo_camera A 'Surfeira' durante o proceso de reparación nos talleres. AMIGOS DA DORNA

É única no mundo e para moitos aínda unha grande descoñecida. Mandouse construír en 1997 coma unha réplica das antigas dornas que foron feitas nos anos 40, e das que xa non queda nin rastro. Nin unha soa. Das 36 que existían, segundo a asociación Amigos da Dorna de Portonovo, "perdéronse todas". Foi entón cando a finais dos 90 unha asociación de Ribeira e un membro da de Portonovo encargaron dous exemplares, cada un coas súas características. "En canto á tipoloxía, a Surfeira é única, é unha das de maior tamaño que hai en Galicia e coma esta non hai ningunha. Se acaso parecidas, unha ou dúas", explica o vicepresidente da asociación, Alejandro Piñeiro.

Non é de extrañar que Amigos da Dorna puxese tanto empeño na súa recuperación cando, en 2011, polos problemas de saúde do seu propietario, foi parar a un almacén. A asociación mercouna en 2015 "por pura responsabilidade. Porque dende o principio esta dorna estivo vencellada a nós, e se non o faciamos, ninguén o ía facer. Deixamos pasar uns anos para ver se este socio volvía retomar a actividade, pero non puido ser". Ata o momento, van 30.000 euros investidos na recuperación da mítica dorna, dos que 10.000 proveñen da recente subvención outorgada pola Deputación de Pontevedra, que mandou no mes de decembro á Surfeira a talleres para a gran reestrea, que terá lugar o vindeiro mes de agosto no encontro bianual de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que este ano celébrase en Moaña.

No astaleiro, e grazas á subvención, "a primeira que a asociación recibe por parte dunha institución", a dorna nai beneficiouse de traballos de carpinteria profesionais, como a construción dun novo mástil, unha nova botavara para a vela, arranxos no motor intraborda e outros detalles técnicos. Aproveitando a estadía da raíña das dornas de Portonovo no taller, grazas á cesión temporal do espazo por parte do propietario, a asociación continúa agora facendo outro tipo de traballos pola súa conta, coma o lixado e pintado do casco, aplicación de produtos de conservación da madeira ou a acomodación do camarote. "Son traballos que levabamos anos atrasando porque non tiñamos onde meter a dorna para facelos", explica Piñeiro. Neste sentido, a asociación non conta cun espazo físico axeitado para tal fin.

SITUACIÓN "DELICADA". Nin en seco nin na auga. Por se realizar este tipo de traballos sen instalacións propias non fose o suficientemente difícil, Amigos da Dorna atravesa agora unha situación "delicada" tamén no que respecta ao pantalán do que, ata hai uns meses, facían uso. "Ata o ano 2020 tiñamos unha sección asignada para a súa utilización, pero agora mesmo está caducada. Hai meses que pedimos a renovación en varias ocasións, pero non temos resposta de Portos", asegura Piñeiro.

Isto plantexa moitas incógnitas de cara ao futuro, e coloca á asociación nunha situación de "inestabilidade". Segundo o vicepresidente, "estamos traballando na Surfeira e noutras embarcacións co ánimo de telas o mellor posible, conservalas e darlles o uso máis social que poidamos. O que non sabemos é que imos facer cando as teñamos listas para ir ao mar. Iso debería suceder en breve, porque a Surfeira estará lista en mes e medio e as outras dornas pouco despois. Se isto segue así non sabemos que imos facer con elas". A asociación denunciou, ademais, a ocupación de "parte do espazo que nós tiñamos asignado por outras embarcacións de particulares, supoñemos que co permiso de Portos". 

A embarcación, única na súa tipoloxía, mandouse construír en 1997 e é unha réplica das desaparecidas dornas dos anos 40

MUSEO FLOTANTE. O anhelado proxecto do museo flotante no pantalán de Portonovo pende tamén agora dun fío. "Dependía de que Portos nos renovara a utilización do pantalán e de conseguir financiamento para algunhas melloras de seguridade. A través do Concello a porta non está pechada, pero isto xera un bloqueo". Trátase dunha situación na que tamén se atopan "os compañeiros de Combarro, que o único que recibiron ultimamente foron recibos de pago polo amarre das embarcacións", lamenta Piñeiro. Pero, a pesar de todo, non se rende, e confía en que a situación se solucione para poder continuar realizando un labor de salvagarda do patrimonio local e galego de xeito totalmente altruísta.

Comentarios