A tartaruga Nemiña, atopada en Muxía, recupérase no Igafa da Illa

Permanecerá uns días en observación nas instalacións do Igafa e, unha vez rematada a súa recuperación, devolverase ao medio natural.
                      Nemiña recibe os coidados do persoal do Igafa.
photo_camera Nemiña recibe os coidados do persoal do Igafa. DP

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) da Illa de Arousa acolle dende hai uns días á tartaruga Nemiña, que apareceu o 23 de novembro na praia de Nemiña en Muxía enredada nunha maraña de cabos e saco de rafia. É unha tartaruga común de 34 centímetros de lonxitude e 2,2 quilos de peso e pasou a revisión do veterinario da Rede de Varamentos de Galicia. Posteriormente foi ingresada no Igafa, onde está en observación baixo a supervisión da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e evoluciona favorablemente.

Esta acción forma parte da colaboración que mantén a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desde o ano 2013 coa Cemma para a recuperación dos mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos. Ademais conta coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto dependente da Consellería do Mar. De feito, este tipo de estadías adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.

Nemiña permanecerá uns días en observación nas instalacións do Igafa e, unha vez rematada a súa recuperación, devolverase ao medio natural. Con ela o Igafa ten participado na recuperación de 4 tartarugas mariñas e 13 lobos mariños que foron trasladados a este centro desde 2013. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e a adquisición de coñecementos para o mantemento e recuperación de especies mariñas.

Comentarios