viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

Telmo Martín: "Non estou de acordo con ter que ser políticamente correcto"

Telmo Martín, en la presentación del plan de desestacionalización del turismo. D. P.
Telmo Martín, en la presentación del plan de desestacionalización del turismo. D. P.
A Alcaldía de Sanxenxo sempre acaba volvendo a Telmo Martín. O Popular, que xa estivo á fronte do Concello entre 1999 e 2006, repasa a última actualidade no municipio e ábrese sobre o seu xeito tan persoal de ver a política alimentado por moitos "anos de experiencia"

Telmo Martín garda no seu despacho unha pequena bolsa de area que, asegura, non lle convence para a praia da Carabuxeira "porque é de canteira e pica nos pés". Os detalles da recuperación do areal, o avance na construción do colexio de Vilalonga ou levar o alcantarillado a toda a veciñanza das parroquias son algúns dos moitos proxectos que ocupan a mente e o día a día do alcalde que, tras gañar as eleccións por maioría absoluta no pasado mes de maio, suma xa dous anos e medio consecutivos á fronte do Concello, con dúas corporacións distintas. A primeira, como consecuencia do pacto con Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) en 2017 e a segunda, "por vontade dos veciños e veciñas" en 2019. En canto aos vindeiros tres anos e medio, Martín ten o empeño de que serán "moi positivos para Sanxenxo". 

A estas alturas xa se sentirá cómodo no Concello de Sanxenxo. Pensa quedar moito tempo?

Eu son dos que cren que non se debe estar máis de oito anos seguidos no mesmo posto, e en principio estouno cumprindo. Creo que todos os políticos deberiamos ter as etapas cortadas, porque cando gañas distancia ves as cousas doutra maneira e renovas as ideas. Cando chegue o 2023 , se o partido quere que siga sendo candidato, decidiríao nese momento. Creo que na miña traxectoria sempre fun bastante coherente con esas cousas, e non está ben perpetuarse nos cargos moito tempo. 

Como está a vivir este mandato e cal foi a decisión máis importante que tivo que tomar nestes meses? 

Moi ben, porque cando tes unha experiencia política na vida as cousas afróntanse sempre con moita responsabilidade, ilusión e humildade para cumprir co que votaron os veciños. Despois das eleccións estabamos xa ás portas do verán, e o primeiro que fixemos foi aprobar o orzamento, que está operativo dende este mes. Facer o orzamento foi algo moi importante, xa que hai moitos concellos en Galicia que nin sequera teñen aínda o anteproxecto. Os dez compañeiros que formamos o Goberno estamos a traballar moitas horas para sacar adiante os proxectos que nos comprometemos a levar a cabo. É verdade que se están a rematar algúns do mandato anterior, pero o orzamento non é un tema menor. É o maior expediente que ten un alcalde enriba da mesa cada ano e marca o destino dos impostos que pagan os cidadáns. Manexar ben todos eses cartos é moi importante, polo que para min estes primeiros meses están a ser moi satisfactorios. 

"Se Alberto Núñez Feijóo cambiara de partido, ao mellor íame con el, porque é un político que paga a pena"

De que temas está satisfeito neste mandato e de cales non? 

Estou satisfeito coa limpeza e con todo o que ten que ver co medio ambiente e as praias. Todos os que veñen de fora valórannos ben nese sentido. Tamén estou satisfeito co tema da Policía Local. Sanxenxo é seguro e, polos datos que temos, a xente de fóra percíbeo. O tema co que non estou satisfeito é o das comunicacións dixitais. Hai que reforzar iso moito máis, porque é unha demanda tanto de visitantes como de veciños e hosteleiros. Gustaríame que neste mandato funcionara todo ben, pero vai ser difícil porque non depende só de nós. Entre outras cousas, queremos que a praia de Silgar teña wifi, e que poidamos alugar unha bicicleta en Sanxenxo e deixala no Grove, e viceversa. Para o tema das novas tecnoloxías temos un convenio co Concello do Grove a través da Mancomunidade do Salnés. 

Como alcalde estará ao tanto de todas as necesidades do concello. Que é o que máis demandaron os veciños nestes meses? 

Os servizos básicos no rural coma o alcantarillado ou o alumeado público. Cando acabe o mandato non vai haber ningunha casa neste concello que non teña a rede de alcantarillado. 

E o colexio de Vilalonga? 

Está en marcha. Agora estamos traballando no proxecto de O Revel para facer a urbanización e o colexio poderase inaugurar no mes de setembro deste ano, se o tempo acompaña. 

Que outros proxectos pendentes prevé que a veciñanza poida gozar en breve?

Xa estamos gozando da rúa Progreso, aínda que estamos retocando agora algunhas cousas que non foron suficientemente satisfactorias. Estamos rematando a nova nave de piragüismo, e neste primeiro trimestre tamén queremos abrir a Casa de Don Fernando en Portonovo, na que imos habilitar algún servizo. Tamén se están a finalizar as obras na Casa do Priorato, e antes de Semana Santa queremos que esté listo o ‘skate park’. Actualmente estamos a traballar en temas moi importantes como é o porto de Portonovo, que hai o compromiso de reordenalo na súa totalidade. Próximamente sacaremos a concurso o centro sociocultural de Vilalonga e a adxudicación do cambio de céspede no campo do Revel. Temos moita actividade. 

"Non poden gobernar os perdedores. Gañei as eleccións en 2015 e quedei ás portas. Os cuatripartitos son antinatura"

Teremos este ano lista a praia da Carabuxeira? 

Esta semana estivemos facendo probas. Temos unha mesa de traballo entre Costas do Estado, Portos de Galicia e Concello de Sanxenxo, e volveremos a reunirnos agora en febreiro. É un tema moi complexo porque en España non se fan captacións de area, en Portugal si, pero agora quérena para as súas praias. Cando rexeneraramos Silgar, a area viñera toda de aí, pero agora non se pode. Eu non estou pola labor de meterlle area de canteira a Carabuxeira,  pero veremos se ten que ser o último recurso. É un tema polo que estou preocupado, pero non se avanza porque é complicado. 

A oposición critica un cambio de sistema nos plenos... 

Non se cambiou nada. Como mínimo teñen que meter por rexistro a moción no mesmo día e falamos o que queiran, o que non pode ser e ter seis mocións sacadas no último minuto no Pleno. Paréceme unha tomadura de pelo. 

Gobernar con maioría absoluta será moito máis doado... 

Na política debe participar todo o mundo, pero os gobernos en minoría non dan bo resultado. A lei electoral hai que cambiala e ten que haber unha segunda volta. Resulta que agora un deputado manexa centos de millóns de euros porque sen o voto del o outro non pode ser presidente, como se está vendo no Goberno de Sánchez. Pero isto que é? Non pode ser que gobernen os perdedores. Eu gañei as eleccións en 2015 e quedeime ás portas porque se xuntaron catro partidos, para ao final acabar como acabaron. Os cuatripartitos son antinatura. Eu non estou de acordo con ter que ser sempre políticamente correcto. Non selo é bo para o cidadán.

 Calquera diría que é vostede do Partido Popular. 

A min tampouco me gustan todas as cousas que fai o PP pero respeto. Se Alberto Núñez Feijoo cambiara de partido, que non vai pasar, eu ao mellor íame con el, porque é un político que vale a pena.

Telmo Martín: "Non estou de acordo con ter que ser políticamente...
Comentarios