miércoles. 24.02.2021 |
El tiempo
miércoles. 24.02.2021
El tiempo

Telmo Martín: "O proxecto do bulevar dará a estabilidade definitiva á PO-308"

Telmo Martín e Luisa Piñeiro, durante a visita ás obras da PO-308 en Portonovo. GONZALO GARCÍA
Telmo Martín e Luisa Piñeiro, durante a visita ás obras da PO-308 en Portonovo. GONZALO GARCÍA
O alcalde de Sanxenxo e a delegada territorial da Xunta visitaron onte as obras da estrada comarcal en Portonovo, e avanzaron que o proxecto terá continuidade dende finais deste ano

Un dos grandes obxectivos do actual mandato de Telmo Martín, a futura obra do bulevar entre a rotonda do campo de fútbol e a rotonda de Canelas, será unha realidade a nivel de proxecto á altura de finais deste ano. Así o explicou o alcalde de Sanxenxo durante a visita da delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, ás obras de mellora do firme que se están a levar a cabo na PO-308 ao seu paso por Portonovo, e que supoñen un grande investimento de 245.000 euros por parte da Xunta, ao longo de case dous quilómetros de estrada. Neste sentido, tal e como confirmou a delegada, haberá luz verde para a petición do alcalde de darlle unha pronta continuidade ao proxecto do bulevar na PO-308, co obxectivo de "rematar os traballos nesta zona do concello que ten tanta afluencia de tráfico".

Martín detallou que, nestes momentos, o Concello traballa no anteproxecto, con vistas a presentalo ante a Consellería de Infraestruturas "a través da delegada, para facer as xestións oportunas e tratar de levar a cabo un convenio parecido ao que se fixo coa rúa Progreso". Trátase, segundo o alcalde, dunha actuación de elevado coste xa que «é unha obra importante que require cambiar todos os servizos neste tramo», polo que nos próximos meses, «non antes de final de ano», será presentada.

A actuación, segundo o alcalde, serviría para "darlle a estabilidade definitiva á PO-308 durante moitos anos", xa que "deixando a un lado a parte que nos queda por realizar coa autovía do Salnés, sería un remate definitivo, tal e como lle corresponde á comarcal PO-308 no municipio de Sanxenxo, despois de que a actuación dende a Lanzada ata Poio esté supoñendo xa moitas alabanzas".

Para Martín, a realización da futura obra do bulevar significaría un grande avance "tanto para Sanxenxo como para toda a comarca. Cando falo coa Xunta de Galicia sempre digo que Sanxenxo é un concello internacional, posto que aquí temos vivendas de persoas de case todos os municipios de Galicia e, polo tanto, cando se inviste aquí un euro, invístese para toda Galicia».

BALTAR. A futura obra do bulevar daría continuidade á actuación que xa se está a executar entre a rotonda da estación de autobuses e o paseo de Baltar, en Portonovo, e que foi supervisada onte pola delegada territorial e o alcalde. Esta obra, que foi calificada por Piñeiro como "unha das máis importantes da provincia que temos agora en marcha", supón a reposición do firme e pintado ao longo de 1.520 metros de lonxitude e que, segundo coincidiron Xunta e Concello, era "moi necesaria" na zona.

Segundo as previsións, os traballos de aglomerado rematarán esta semana, despois cambiar o firme antigo por un novo, e reforzar dobremente as zonas con roturas. Se o tempo acompaña á actuación, unha vez que o novo firme asente, procederase ao pintado definitivo. Deste xeito, barállase un prazo de entre 15 e 20 días para que a obra conclúa. Durante este tempo, o alcalde asegurou que non se darán cambios na circulación normal de vehículos, xa que únicamente este venres haberá que levar a cabo un corte de entre 6 e 7 horas na saída de Luis Rocafort con motivo do asfaltado da rotonda da estación.

Telmo Martín: "O proxecto do bulevar dará a estabilidade definitiva...
Comentarios
ç