O Tinto de Barrantes nomea aos novos valedores nunha edición histórica

A xornalista Fátima Mella ofreceu durante o pregón 49 razóns para "gozar e seguir presumindo" da Festa do Viño Tinto do Salnés, que o vindeiro ano celebrará medio século de vida
Nomeamento de valedores na Festa do Viño de Barrantes. RAFA FARIÑA
photo_camera Nomeamento de valedores na Festa do Viño de Barrantes. RAFA FARIÑA

A un ano de cumprir o seu medio século de vida, a Festa do Viño Tinto do Salnés celebrou este sábado o seu día grande na que pode considerarse unha edición histórica, cun ambiente festivo e á vez profesional, que non lle ten nada que envexar ás edicións prepandémicas. No seu XLIX aniversario, o Tinto de Barrantes nomeou sete valedores, todos igualmente interesados no mundo do viño e que, coa súa actividade, contribúen a poñer en valor o produto.

Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés. RAFA FARIÑA
Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés. RAFA FARIÑA

Manuel Piñeiro Paz, aos seus 83 anos traballa e cultiva con esmero uns viñedos que comezou a prantar nos anos 70; Mariano de Béjar Gallego é o encargado de elaborar as cuncas que son símbolo de identidade da celebración, dende hai máis de 30 anos; Carmen Abal Martínez leva arredor de 20 anos montando o seu stand na carpa de viños e o seu primeiro premio chegou en 1994; Manuel Barreiro Pombo é un colleiteiro apaixoado ao que lle gusta máis "o viño que a auga"; José Vila Noya, actualmente xubilado e de tradición familiar vitivinícola, adícase á cata e á investigación sobre a chegada das variedades autóctonas ao Salnés e a súa vinculación co norte de Portugal; José Meaño Lorenzo, veciño de Barrantes, pertence a unha familia con gran tradición vitivinícola, e aos seus 86 anos ten claro que o viño tinto é un dos remedios "dos que deberían falar nas farmacias", mentres que Manuel Oubiña Romero, de 91 anos, asegura tomar a diario o seu vaso de viño e goza dos paseos polos seus viñedos, ademais de ter participado en numerosos concursos da festa.

Degustación na Festa do Viño Tinto do Salnés. RAFA FARIÑA
Degustación na Festa do Viño Tinto do Salnés. RAFA FARIÑA

Todos eles recibiron o diploma acreditativo de mans das autoridades durante a xornada de este sábado no acto no que estiveron presentes, entre outras autoridades, o alcalde de Ribadumia, David Castro; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a pregoeira desta edición, a xornalista da TVG Fátima Mella.

Pregón de Fátima Mella na Festa do Viño de Barrantes. RAFA FARIÑA
Pregón de Fátima Mella na Festa do Viño de Barrantes. RAFA FARIÑA

A pregoeira, pola súa banda, encandilou ao público coas súas 49 razóns para "gozar e seguir presumindo" da festa pola que, lembrou "pasaron por aquí persoeiros destacados e veciños que nunca serán esquecidos, como Os Tonechos, Isabel Risco ou Belinda Washington", gabando, ademais, o ambiente festivo, a gastronomía e a aqueles vencellados ao sector.

Comentarios