As traballadoras do mar recibirán formación en competencias dixitais

Os concellos arousanos acollerán os cursos ofrecidos por Mulleres Salgadas e a Deputación
A presidenta provincial durante a súa intervención xunto as representantes de Mulleres Salgadas. DP
photo_camera A presidenta provincial durante a súa intervención xunto ás representantes de Mulleres Salgadas. DP

A Asociación Mulleres Salgadas, da man da Deputación de Pontevedra, vai desenvolver este verán unhas accións formativas para axudar ás mulleres do mar a acadar competencias dixitais. Trátase de dous cursos, divididos en cinco sesións cada un, que se celebrarán nos concellos de Vilanova, Cambados, A Illa de Arousa, O Grove e Vilagarcía durante os meses de xuño, xulio e agosto

O obxectivo é a integración das mulleres do sector nas novas tecnoloxías que, como destacou a presidenta provincial, "hoxe son clave" para acadar o reto da transformación dixital. Carmela Silva quixo destacar o papel que está a xogar esta asociación, que agrupa a 1.600 galegas, para visibilizar ás mulleres do mar e conseguir que "teñan voz e voto á hora de tomar decisións no sector pesqueiro".

Silva engadiu que "hoxe a firma electrónica é algo normal dentro do sector privado e da súa relación coa administración pública. Con este convenio imos conseguir que as mulleres do mar teñan esas destrezas". Tamén dixo que a Deputación continuará esta liña de colaboración coa asociación. "Son mulleres das que sentirnos orgullosas, herdeiras doutras que sempre traballaron no mar, invisibilizadas, silenciadas e sen ocupar o espazo que requirían. Agora non van deixar que ninguén as cale; falan alto e claro e son visibles".

Os cursos desenvolveranse en Vilanova, Cambados, A Illa, O Grove e Vilagarcía

Pola súa banda, Dolores Gómez, presidenta de Mulleres Salgadas, sinalou que o curso de Alfabetización dixital +55, "busca que estas mulleres non se sintan desprazadas por non ter estes coñecementos". É, polo tanto, un curso básico orientado ás mulleres destas idades que as axudará a familiarizarse con cuestións como a creación do correo electrónico, a videochamada, navegación por Internet ou a banca electrónica. O segundo curso mostrará as ferramentas prácticas na vida cotián relacionadas coas novas tecnoloxías, con conceptos como a acreditación dixital, xestións telemáticas básicas, notificacións ou sede electrónica entre outros.

Á cita acudiron outras representantes da asociación como Celia Herbón, Sandra Amézaga, Mar Ambroa, Puri Díaz, Marina Buceta, Ángela García e Teresa Ameneiro.

Este venres comeza o prazo de inscrición 
As accións formativas organizadas por Mulleres Salgadas terán un total de dez sesións, cinco de cada un dos cursos, que se celebrarán nos concellos de Vilanova, Cambados, A Illa de Arousa, O Grove e Vilagarcía en horario de tarde e que teñen un máximo de dez prazas cada un. 

En xuño e xullo celebrarase o curso de Alfabetización dixital +55 (20 e 27 de xuño e 4 e 11 de xullo en Vilanova; 21 e 28 de xuño e 5 e 12 de xullo en Cambados; 29 de xuño e 6,13 e 20 de xullo na Illa; 23 e 30 de xuño e 7 e 14 de xullo no Grove e 24 de xuño e 1, 8 e 15 de xullo en Vilagarcía), mentres que o de Participación cidadá a través das tecnoloxías dixitais será en agosto (1,8,22 e 29 en Vilanova; 2,9,16 e 23 en Cambados; 3, 10, 17 e 24 na Illa; 4, 11, 18 e 25 no Grove e 5, 12, 19 e 26 en Vilagarcía). 

Para os primeiros as inscricións comezan este venres, mentres que para os de agosto se abrirán o 22 de xuño e as interesadas poden facelas no enderezo electrónico [email protected]

Comentarios