Traballadores do PAC de Baltar ven ''un colapso seguro'' nun verán sen reforzos

Urxencias queda sen apoio médico nunha tempada na que hai 100 asistencias máis de media ao día , ao que hai que engadir que o centro de saúde tampouco contará coa habitual consulta para desprazados
undefined
photo_camera O centro de saúde non aumentará efectivos médicos na tempada estival. GONZALO GARCÏA/ ARQUIVO

A situación do PAC de Baltar (Portonovo), que atende as urxencias de arredor de 20.000 habitantes entre Sanxenxo e Meaño, preséntase ''crítica'' este verán, coa chegada dun turismo que deixa unha media de asistencias diarias de 130 persoas no pico alto do verán, como pode ser o sábado dunha fin de semana, e que pode chegar ata as 150 un domingo, cando a media diaria habitual fora de tempada é de 30 persoas nunha garda de urxencias de 17 horas.

Así o explicou un voceiro dos traballadores do PAC, que non utiliza o seu nome para ''evitar represalias'', e que alerta da ''delicada'' situación que se presenta este verán, tras coñecer que a Xerencia da Área Sanitaria non duplicará os médicos, aínda que sí o fará no caso dos enfermeiros.

''Urxencias colapsará seguro, ao 100%'', afirma o voceiro. Se ben nunha situación normal cada garda contaba cun médico e un enfermeiro, e dous médicos e dous enfermeiros durante o verán, esta tempada só haberá un médico e dous enfermeiros por garda.

''A resposta da Xerencia é que non hai médico''», explicou o traballador, quen deu conta de que, se ben xa informara previamente de que o centro de saúde non contaría este verán coa habitual consulta para desprazados en horario de mañá, e para a que cada ano se destinaban reforzos, as previsións ata o pasado 1 de xullo eran contar co reforzo de urxencias, que ''nunca chegou''.

Para os traballadores, explica, a situación supón ''unha carga de traballo moi difícil de xestionar, cun compoñente moi importante de estrés pola resposta dos pacentes que, ademais, corren serio risco, porque terá que asumir todo o traballo un só médico. Se nunha noite normal podiamos ter sete pacientes de media, en verán suben a uns 40. Como traballadores, estamos asustados, sabemos que nos imos ver en situacións terribles de desbordamento. Moita xente acabará pedindo o traslado», afirma.

O centro de saúde, que xa rexistrou longas agardas nos primeiros días da tempada, non ''aumentará nin un só efectivo médico durante o verán'', polo que os traballadores piden á Xerencia que actúe ''pensando na vida das persoa''.

Familiar e pacente: ''Aquí estase xogando a vida''
A situación vivida no centro de saúde de Baltar nos primeiros días do mes fixo saltar as alarmas nalgúns usuarios, como é o caso de José Manuel Gómez, veciño do municipio, e familiar dun pacente que debe acudir ao centro con asiduidade.

''O servizo comezou o día 1 e o 2 xa estaban saturados''. Como familiar e como usuario, afirma, ''creo que a situación vai ser insostible no verán, na que os máis perxudicados somos os veciños, sobre todo pola época na que estamos, presumindo ademais da boa calidade do turismo, que cando teña que acudir ao centro de saúde non vai ter quen o atenda. En Sanxenxo triplícase a xente en verán, e imos ver moitas situacións coma a de onte, que non había médico para os desprazados e ata a tarde non os atenderon'', conta.

''O Concello debe tomar cartas no asunto, aquí estaste xogando a vida''.

Comentarios