A tromba de auga da madrugada do mércores provoca en Vilagarcía varias incidencias

Foi necesario cortar durante dúas horas a avenida Rosalía de Castro, anegada, e tamén un vial en Carril ao caer unha árbore polo vento
Vial cortado en Carril pola caída dunha árbore. DP
photo_camera Vial cortado en Carril pola caída dunha árbore. DP

A tromba de auga que caeu en Vilagarcía na madrugada do mércores provocou varias incidencias que se saldaron con algúns danos materiais. As chuvias torrenciais comezaron sobre ás cinco, anegando gran parte da avenida Rosalía de Castro, especialmente á altura da Praia Compostela, onde a auga acumulada na vía acadou tal nivel que bloqueou a un par de vehículos que circulaban a esa hora pola zona e que tiveron que chamar á grúa para ser retirados.

Aínda que o tráfico a esas horas é moi reducido, a Policía Local decidiu cortar a vía para evitar incidentes similares, pechando o vial entre o cruce do Ramal e a rotonda de Carril e poñendo axentes nas interseccións de San José e de Trabanca Sardiñeira para informar da situación aos condutores e desvialos por outras rúas. Tamén se desprazou persoal á rotonda da gasolineira do Salgueiral para dirixilos pola circunvalación norte.

Por outra banda, ás cinco e cuarto da madrugada Emerxencias tivo que acudir á rúa San Andrés, de Carril, onde debido á intensidade do vento e as fortes chuvias, caeu unha árbore alcanzando a dous vehículos estacionados e outro que o estaba a facer. Tamén afectou ao cableado do tendido eléctrico e de Telefónica.

Por último, o persoal de emerxencias tamén fixo labores de colocación de arquetas levantadas en diferentes vías da cidade e acudiu a tratar de aliviar as bolsas de auga rexistradas na zona do Montiño (Cea), baixo a ponte do tren, e na avenida Valle-Inclán.

Edificio na rúa Castelao afectado polas chuvias. FS
Edificio na rúa Castelao afectado polas chuvias. FS

EDIFICIO EN CASTELAO. Ademais, no edificio da antigua sede do Liceo Casino que foi adquirido polo Concello cunha subvención da Deputación de Pontevedra, onde se está construíndo a Biblioteca Municipal, na rúa Castelao, varios dos locais da súa planta baixa víronse afectados pola auga que se filtrou desde unha terraza superior que presentaba buratos producto dos traballos da obra.

A farmacia tivo problemas no rótulo, no ordenador e na porta automática. No bar afectou ao conxelador e antes da chegada dos peritos do seguro aínda caía auga da parte superior. O resto de locais non sufriron por este percance.

Comentarios