Tronza un piñeiro do Parque da Concha de Vilagarcía e cae sobre un banco

Había preto tres persoas, que puideron apartarse a tempo
A árbore caída no parque de Vilagarcía. CONCELLO
photo_camera A árbore caída no parque de Vilagarcía. CONCELLO

Un piñeiro de bastante porte do Parque da Concha de Vilagarcía tronzou pola base do tronco, na zona máis pegada ao chan, e foi caer sobre un banco.

No momento do incidente había preto tres persoas que, alertadas polo renxido previo que emitiu á madeira ao tronzar, puideron afastarse. Segundo o Concello, o incidente produciuse despois do mediodía, "cando bastante xente pasea pola zona e o paseo marítimo". 

A caída produciuse un día antes de que a administración local acometese —este xoves— a tala dun eucalipto no parque da Compostela para previr riscos. A árbore está afectada polo fungo Armuillaria Mellea, unha enfermidade irreversible que foi confirmada polos técnicos da estación fitopatolóxica do Areeiro nun exame realizado o 29 de abril.