A Valedora do Pobo arquiva as queixas sobre a reorganización do Mercado

O Goberno local continuará coa reforma da Praza e a súa contorna, "pactada no seu día cos praceiros e representantes dos ambulantes"
Mercado de Vilagarcía. DP
photo_camera Mercado de Vilagarcía. DP

A queixa formulada por algúns vendedores ambulantes diante da Valedora do Pobo contra o Goberno de Vilagarcía, en desacordo coa reorganización do Mercado e a súa contorna, vén de ser "concluída" en termos técnicos do Alto Comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos da cidadanía, sen ningún tipo de reproche, requirimento ou recomendación ao Goberno local. Así o explicaron dende o Concello, interpretando que a Valedora "dá por boas as explicacións do equipo de Alberto Varela, que en ningún momento dubidou de que estaba actuando correctamente".

Neste sentido, segundo as alegacións de resposta á petición de información pola Valedora, as actuacións no mercado "non só contaron co visto bo da Asociación de Praceiros, senón tamén coa dos representantes dos propios ambulantes". Segundo o Goberno local, "tan pronto como esa queixa foi presentada, algúns grupos políticos da oposición en seguida se subiron ao carro daqueles que tachaban o proxecto de "disparate" ou alertaban do "grave risco" de accidentes e atropelos que ía supoñer esa nova organización".

Dende o equipo de Varela Paz aseguraron que o feito de que unha queixa "sexa admitida a trámite non significa máis que os sistemas de protección dos dereitos da cidadanía funcionan correctamente, pero outra cousa é o resultado desas admisións. A inmensa maioría das queixas presentadas contra o Concello conclúen sen ningún tipo de reproche ou recomendación ao Goberno local".

O expediente de queixa foi dado como "concluído" o pasado 21 de decembro, "e diso xa tiveron coñecemento os promotores da mesma, pero non así o Concello, ao que só se informa baixo petición previa", aseguraron dende o Goberno local. Foi así como esta semana se coñeceu que o expediente estaba esta circunstancia e, ademais, o Goberno local tamén tivo coñecemento recentemente de que outra das queixas, a referida á suposta discriminación do Carril en canto a investimentos "tamén foi concluída, dando por boas as explicacións do Concello".

Comentarios