O novo mandato... en Sanxenxo

"A maioría absoluta non é un beneplácito dos veciños para Telmo Martín"

A voceira de Ciudadanos e única representante do partido laranxa en Sanxenxo repasa un ano marcado polo cambio a nivel político e persoal, e por unha oposición custosa pero perseverante. Na súa folla de ruta para o que queda de mandato están «débedas lexendarias» que, asegura, ten o Concello "coa veciñanza"
A voceira de Ciudadanos en Sanxenxo, Vanessa Rodríguez, na nova sede do partido, en Adina. DAVID FREIRE
photo_camera A voceira de Ciudadanos en Sanxenxo, Vanessa Rodríguez, na nova sede do partido, en Adina. DAVID FREIRE

Ciudadanos fixo a súa aparición nas pasadas eleccións en Sanxenxo da man de Vanessa Rodríguez, a exconcelleira de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) que se negou a firmar o acordo co PP, e que figurou como concelleira non adscrita para lanzarse a tomar un rumbo diferente.

Pasar de de SAL a un partido con representación estatal como é Ciudadanos tivo que ser un cambio importante para vostede...
O grupo de xente co que traballo a nivel local segue sendo o mesmo, co cal a experiencia do día a día é moi similar. O que si cambiaron foron os nosos recursos. Non é o mesmo traballar dende unha agrupación local, onde pesa o esforzo que podemos aportar todos, que cando contas cun respaldo a nivel nacional, cun partido con outra repercusión. Nese sentido, si que contamos cunha axuda coa que antes non tiñamos a sorte de poder contar.

"A cultural de Vilalonga anunciouse a bombo e platillo por parte do PP durante as eleccións e agora para eles xa non vale nada"

Andado xa este mandato, en que punto do camiño está a nivel político despois do vivido con SAL?
O que pasou non foi a evolución normal dun partido, ninguén contaba con iso. Para min nese momento foi unha sorpresa, porque moitas das cousas que se dixeron para intentar xustificar ese cambio por parte dos meus excompañeiros non eran certas. Eu estaba alí a diario e sei que as relacións entre os membros do Goberno, independentemente de que foramos de partidos distintos, eran boas. Esa situación foi desagradable e a día de hoxe aínda non consigo entendelo. Tiven claro dende aquel momento que foi un erro. Afortunadamente, puidemos seguir adiante pensando en facer o mellor para os veciños.

Cal é a folla de ruta de Ciudadanos no sucesivo?
Temos as armas moi limitadas, porque é moi difícil traballar cunha maioría absoluta. Seguiremos estando ao lado dos veciños cando vexamos que hai algo que non se está solucionando por parte do Concello, como está pasando coas obras de Progreso. Iso si, sempre faremos unha oposición constructiva. Non imos recorrer a outras técnicas como fixeron outros partidos nalgún momento, como se fixo coa obra de Rocafort. Díxose que había uns desperfectos que eran inexistentes, e nós non imos xogar cos intereses dos veciños para sacar probeito político.

Que valoración fai deste último ano, no que tivo que tratar con esa maioría absoluta?
O ano estivo marcado polas eleccións, e Telmo Martín está interpretando a maioría absoluta como un beneplácito dos veciños para facer o que el queira. Unha maioría absoluta non é iso. El segue tendo que responder ante o Concello e ante o Pleno, pero o feito é que non está seguindo a tónica que seguía ata agora. Tiñamos o acordo entre os membros da corporación municipal de que sempre se falaría de todas as mocións, e agora iso cambiou. Xa non se pode plantexar unha moción de forma urxente, ten que ser nos días que Telmo considera con adianto, e veremos se se discute ou non no Pleno. Ese é un exemplo máis do mal uso que se está facendo da maioría absoluta.

Que actuacións considera de urxencia este ano para Sanxenxo?
Hai unha serie de débedas lexendarias do Concello de Sanxenxo cos veciños, e esas son as que deben ter prioridade. Falo do colexio de Vilalonga ou da cultural de Vilalonga, que se anunciou a bombo e platillo polo PP durante as eleccións e agora para eles xa non vale nada. Moitas zonas de Sanxenxo aínda non contan con alcantarillado. Son cousas que lle solucionan o día a día aos veciños e que se tiñan que ter feito hai moitos anos. Tamén temos en mente outras medidas coma o achegamento do Concello ao veciño. Se nos deixan falar no Pleno, intentaremos que saian adiante.

Comentarios