Varela dedica á veciñanza de Vilagarcía o premio 'Ciudades que Caminan'

O alcalde recolleu en Mallorca o galardón na categoría de cidades medianas polo proxecto 'Vilagarcía, unha cidade en transformación'
Alberto Varela a carón de Fernandez Lores, rexedor pontevedrés e presidente da Red Ciudades que Caminan. DP
photo_camera Alberto Varela a carón de Fernandez Lores, rexedor pontevedrés e presidente da Red Ciudades que Caminan. DP

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, foi o encargado de recoller en Palma de Mallorca o premio Ciudades que Caminan en recoñecemento ás importantes melloras realizadas no municipio nos últimos anos en materia de mobilidade peonil. O galardón avala estas políticas urbanas que está a desenvolver o Concello e que sitúa a Vilagarcía como modelo a seguir por outras cidades, tanto a nivel nacional como internacional.

O acto, no que se proxectou un vídeo resumo sobre o proceso de transformación que está a vivir a cidade arousana, celebrouse ao remate do noveno congreso Ciudades que Caminan, No hay ciudad, se hace al andar, no que participaron técnicos e responsables políticos de máis de 30 cidades de España e de Portugal.

Varela Paz agradeceu á Red Ciudades que Caminan o recoñecemento concedido a Vilagarcía e a oportunidade de que os esforzos que se están a realizar para mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través da rexeneración e recuperación de espazos públicos para o uso e goce dos peóns, sexan visibles máis aló do propio municipio e se estendan ao ámbito de actuación desta asociación internacional que noutras ocasións ten distinguido os modelos de cidades como París ou Bilbao. O alcalde concluíu dedicando o galardón aos veciños de Vilagarcía "porque o premio é deles e para eles".

O galardón concedido a Vilagarcía na categoría de cidades medianas (de entre 20.000 e 100.000 habitantes) responde ao proxecto denominado Vilagarcía, unha cidade en transformación, que se presentou na gala de entrega dos premios mediante a proxección dun vídeo resumen das accións levadas a cabo na cidade nos últimos anos, especialmente dende 2019, que era o prazo que estipulaban as bases do certame.

Espazo gañado para os peóns

Con intervencións da concelleira de Mobilidade, Paola María, e as valoracións de voceiros de asociacións da cidade (Zona Aberta e Arousa en Bici) e doutros colectivos que interveñen e avalían este tipo de procesos de mobilidade sostible e de recuperación de espazos urbanos (Green Peace e Stop Accidentes), o vídeo relata o proceso de transformación que está a vivir Vilagarcía.

Estas declaracións refórzanse con datos tan relevantes como que, coas actuacións realizadas polo Concello dende 2019, o municipio gañou 12.366 metros cadrados de espazo público para os peóns —cifra que ao remate de 2024 e grazas aos proxectos en proceso de execución superará os 23.000 metros cadrados—, e leváronse a cabo seis intervención de mellora de accesibilidade.

Entre as obras executadas destácanse a rexeneración do parque e contorna de Matosinhos, a humanización da Praza da Independencia, o Paseo de Canelas e as humanizacións das rúas Vázquez Leis (Vilaxoán), Cervantes (Carril) e Camilo José Cela (O Piñeiriño). Tamén actuacións como a elaboración do Metrominuto, a Rede de Camiños Escolares Seguros, o establecemento da Zona 30 no casco urbano ou a creación de percorridos peonís interurbanos como a Senda Verde.

Creadas 1.500 prazas de aparcamento

Dado que un dos obxectivos sinalados é reducir a presenza nas cidades dos vehículos a motor co obxectivo de que diminúan as emisións de CO2 un 50%, xunto coas peonalizacións e humanizacións de rúas, tamén se destacan intervencións como a creación de 1.500 novas prazas de aparcamentos disuasorios, a construción dos dous primeiros quilómetros de ciclovías e a ampliación do servizo de aluguer de bicicletas

Antes de rematar o ano contará con 16 estacións e 4 bicicletas haddbike para garantir a inclusión e a absoluta accesibilidade de persoas con diversidade funcional. A partir de 2023 incorporará bicicletas eléctricas. Ademais, dende 2019 en Vilagarcía plantáronse máis de 1.000 árbores e xa está proxectada unha nova zona verde no Ramal.

Comentarios