Egidio Barral: "Este venres xa estivemos ociosos, o Nadal vai meter medo"

A Praza de Abastos de Sanxenxo reséntese ante o peche da hostalería local ► As vendas descenderon un 60%
Egidio Barral no seu posto. GONZALO GARCÍA
photo_camera Egidio Barral no seu posto. GONZALO GARCÍA

O presidente da Praza de Abastos de Sanxenxo, Egidio Barral, advirte da nova situación dun sector que, tras renunciar á clientela chegada de fóra, agora bota tamén en falla a de dentro do concello.

Como tomaron os praceiros o peche total da hostelería?

Xa se notara moito o peche perimetral dos outros concellos, que foi moi malo para a hostelería. En Sanxenxo trabállase moi ben as fins de semana con tres tipos de clientela: a xente que ten pisos, vén abrilos e come ou cea fóra; os que veñen pasear un domingo e marchan pola noite, e os clientes dos hoteis de catro estrelas con spa. Todo iso faltou, e xa se notou o descenso das vendas na Praza de Abastos orientadas á hostelería, e agora co peche total aínda máis. Nestes momentos fáltanos a venda dirixida á xente que vén as fins de semana e a venda aos restaurantes. A situación é preocupante.

Como están sendo as primeiras xornadas sen vendas aos restaurantes?

Pois o venres, que sempre é un día de vendas, estivemos completamente ociosos, sen clientela. Pasamos media mañá inflando globos violetas para a decoración do 25-N e colocando cartelería.

De que nivel de caída das vendas estamos falando?

Nestes dous días baixaron arredor dun 60% sobre as vendas que tiñamos cando os restaurantes estaban abertos e os concellos veciños tiñan peche perimetral. Con respecto ás vendas anteriores ás restriccións, agora mesmo estamos nun 80% menos.

Cal é o sector do Mercado que máis acusa o peche da hostelería?

Todos por igual, aínda que o do marisco autóctono máis porque depende moito da hostelería. Agora arrancou a campaña do centolo, e iso xa foi mortal.

Intentamos cubrir gastos co reparto a domicilio, pero non foi máis exitoso na primeira ola da pandemia

Dende o Mercado barállase algunha iniciativa para potenciar as vendas, coma o fomento do reparto a domicilio?

Si, o reparto a domicilio axuda algo. Eu teño clientes en Meaño e Cambados e lévolles os pedidos ás casas, pero esta non é a parte máis grande do negocio, aínda que polo menos intentamos cubrir gastos. O reparto a domicilio foi máis exitoso na primeira ola porque a xente non podía saír das casas. O problema agora é que os de Meaño xa fan a compra por alí, e os de Cambados e Poio igual. O que nos mata é que a xente de Cambados Poida chegar a Vilagarcía, e a de Poio ata Pontevedra. Nós temos ao Grove, pero non nos soluciona nada.

Hai xa previsións de vendas de cara a este Nadal tan atípico?

O Nadal vai meter medo. En primeiro lugar xa se vai paralizar a ponte de decembro, porque nesa altura estariamos vendendo para as ceas de empresa, que xa se foron ao garete. A facturación deses primeiros 15 días é moi importante e, polo tanto, a metade do Nadal pérdese. Esperemos que en Noiteboa e Fin de Ano a xente se anime a celebrar. O que pasa é que como sigamos confinados, as comidas van ser máis pequenas. En moitas zonas de aquí hai xente que vive fóra, e se tes aos fillos por Europa adiante, esa xente non vai vir. En vez de reunirse 14, van ser seis, e iso vaise notar moito. Por outra banda, aínda que abran, moita xente de fóra tampouco vai a vir. Aquí os hoteis de catro estrelas xa pecharon todos e non creo que se plantexen abrir para o Nadal. Esperemos que este ano sexa o último así, esquecelo, que haxa saúde. Xa virá ben o seguinte coa vacina e o Xacobeo para facturar moito.

Que lle piden os praceiros ás Administracións?

O normal sería que tamén entraramos nas axudas. É normal que llas den á hostelería, pero máis da metade da facturación desta Praza é a hostelería, precisamente. En Sanxenxo a maioría dos restaurantes compran aquí, porque o producto é mellor e máis fresco, coñécennos de sempre. A maioría dos particulares van ao supermercado. Nós o que ofrecemos é calidade.

Comentarios