Vilagarcía aspira a unha axuda europea destinada ás persoas maiores

O Concello do Salnés concorre ao programa 'Senior Friendly' e confía en poder dispor proximamente dunha achega de 290.000 euros

O Concello de Vilagarcía concorre a unha nova liña de fondos Feder, orientada a actuacións tendentes a mellorar a calidade de vida das persoas maiores. A candidatura faise a través da Deputación de Pontevedra e dun programa interrexional, denominado Senior Friendly, no que participan municipios da provincia e do norte de Portugal.

Vilagarcía solicita 291.000 euros dos fondos europeos para levar a cabo actuacións nos eidos da accesibilidade, programas de envellecemento activo, participación cidadá, voluntariado e ocio e tempo de lecer. A proposta xa se presentou e agora deberase esperar a que a Unión Europea resolva entre todas as candidaturas formuladas para coñecer se finalmente Vilagarcía contará co financiamento requirido. De aprobarse, as actuacións deberán executarse ao longo do ano 2019.

A proposta vilagarciá toma como referencia a guía da Organización Mundial da Saúde sobre Cidades Amigables para as Persoas Maiores e foi deseñada polas concelleiras da Área de Persoas Maiores, Tania García, e de Urbanismo e Mobilidade, Paola María. O proxecto consta de dúas fases. A primeira consiste na realización dun estudo e análise da situación das persoas maiores en Vilagarcía atendendo a datos demográficos, económicos e de recursos. Neste proceso contarase coa participación activa das persoas maiores a través do Consello Local.

ACTUACIÓNS. Este estudo servirá de base para concretar as actuacións que se levarán a cabo atendendo a sete eixos: espazos e edificios públicos, transporte, vivenda, participación cidadá, lecer e tempo libre, saúde e envellecemento activo e comunicación e información.

A concreción, planificación e execución destas actuacións entraría xa na segunda fase. As posibles medidas a levar a cabo a través do Senior Friendly son moi variadas, pero sempre pensando nas necesidades dos maiores.

Comentarios