Vilagarcía conclúe o proxecto de demolición do edificio de Rodrigo de Mendoza

Edificio situado en Rodrigo de Mendoza. CONCELLO DE VILAGARCÍA
photo_camera Edificio situado en Rodrigo de Mendoza. CONCELLO DE VILAGARCÍA

A Xunta de Goberno local de Vilagarcía dará o visto bo na reunión deste luns ao proxecto de demolición da vivenda en ruínas situada no número 26 da Avenida Rodrigo de Mendoza, xusto na intersección coa Rúa Castiñeiro. A aprobación do proxecto é o paso previo á contratación das obras presupostadas en 29.000 euros, trámite que se levará a cabo na seguinte Xunta. Ademais de acabar cos problemas de inseguridade e insalubridade que se estaban a xerar nesta edificación, a súa demolición permitirá completar as obras de mellora de seguridade viaria e de accesibilidade que se están a acometer nas rúas da contorna de Fexdega a través do programa provincial DepoRense.

Para poder proceder ao derribo da vella vivenda de baixo e unha pranta foi preciso redactar o proxecto que especifique as labores de demolición e seguridade, as medidas de xestión dos residuos e, por último, as de acondicionamento e limpeza do solar. Os traballos de demolición levaranse a cabo por partes, comezando polas desconexións dos servizos. Os residuos xerados deberán separarse debidamente de forma que se xestionen adecuadamente a través de empresas autorizadas que se encarguen da reutilización, revalorización ou eliminación dos materiais, segundo proceda. Finalmente deberá procederse a limpar o solar e a acondicionalo debidamente. Rematados os traballos, a empresa adxudicataria terá un mes para realizar o proxecto.

Comentarios