Vilagarcía contrata a redacción do proxecto dun circuito de pump track

Trátase dun circuíto pechado con curvas peraltadas, montículos ou badéns que será construído na Florida
Imagen de un circuito de pump track en Madrid.
photo_camera Imaxe dun circuito de pump track en Madrid. PUMP TRACK

O Goberno local de Vilagarcía de Arousa segue atendendo as peticións realizadas polos distintos colectivos e asociacións veciñais da cidade. Así, uns días despois de sacar a licitación a construción do novo skate park do Cavadelo, agora inícianse os trámites para habilitar un pump track na Florida.

A Xunta de Goberno local aprobará na reunión do martes (xa que o luns é festivo local) adxudicar á firma de Arteixo, Moves, Servicios de Ocio e Deport e, a redacción do proxecto técnico desta nova instalación deportiva por importe de 3.035 euros. Segundo explica o Goberno local, unha vez se conte co proxecto, coñecerase o importe da obra a realizar e buscaranse os fondos necesarios para acometer a actuación.

O pump track emprazarase no lugar que ocupa o vello circuíto BMX situado nas inmediacións do parque da Coca e que se atopa bastante deteriorado e obsoleto, razón pola cal os veciños da zona e afeccionados a este tipo de deportes, solicitaron a habilitación da nova instalación.

A renovación da infraestrutura deportiva permitirá ampliar o seu uso, inicialmente para bicicletas, a outros vehículos de rodas non motorizados, como patíns, patinetes, monopatíns ous skates.

Un pump track é un circuíto pechado que pode ser de asfalto, terra ou madeira que conta con distintas curvas peraltadas, montículos ou badéns nos que os usuarios deben "bombear" cos seus vehículos para aproveitar o seu propio impulso e as inercias que se xeran coas pendentes para realizar diferentes saltos e acrobacias.

Comentarios