Vilagarcía destina a uso social o material eléctrico incautado nunha plantación de cannabis

A acción lévase a cabo en colaboración coa FGCN, convertendo ao municipio no primeiro en recibir unha cesión de bens intervidos ao narcotráfico
Alberto Varela. DS
photo_camera Alberto Varela. DS

Un operativo realizado na zona das Rías Baixas no que se desmantelou unha plantación ilegal de cannabis repercutirá agora no uso social a través dunha iniciativa pioneira a nivel municipal, pola que o Concello de Vilagarcía cederá diverso equipamento e material eléctrico incautado polos Corpos de Seguridade do Estado. Así, convértese no primeiro municipio beneficiario dunha cesión para uso social de activos comisados ao narcotráfico.

A cesión foi posible grazas á mediación da Fundación Galega contra o Narcotráfico e do Colexio de Procuradores de A Coruña que, xunto coa dirección xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, xestionan o Servizo de Xestión de Bens Comisados o Narcotráfico en Galicia.

O material incautado a unha organización dedicada ao tráfico de cannabis utilizábase para acelerar o crecemento das plantas e maximizar a produción cando as plantacións se atopan en espazos interiores –ocultas por tratarse dunha actividade ilegal–, para o que precisan dunhas condicións moi específicas de temperatura, humidade e iluminación que se obteñen mediante a utilización dun custoso equipamento eléctrico.

Ente o diverso material incautado atópanse varias lámpadas de 600 vatios de potencia, extractores de aire, ventiladores e pantallas, así como térmicos, reactancias ou cableado de diferentes seccións.

Neste sentido, tal e como apuntaron dende o Goberno local, "grazas á sensibilidade e ao interese" das unidades xudiciais e policiais responsables e á xa mencionada iniciativa da FGCN, persoal do Concello de Vilagarcía foi o encargado de desprazarse ata o lugar da plantación para desmontar, cargar e traer o material ata o municipio, onde se separou o que resultaba de utilidade do que non tiña posibilidade de ser reutilizado. Este último despezouse convenientemente como material de desfeito e levouse ao Punto Limpo para o seu correcto tratamento e reciclado, como é o caso de materiais illantes, papel e láminas de aluminio.

O Concello agradeceu a cesión do material que o Servizo Municipal de Electricidade e Alumeado xa leva utilizando un tempo. Por exemplo, os ventiladores puxéronse en diversas dependencias municipais de uso público durante a vaga de calor e os térmicos na instalación da cafetería do pavillón de deportes de Fontecarmoa durante a celebración do Encestarías. O resto do material vaise utilizando para reparacións e demais necesidades do servizo.

Independentemente do aforro que a cesión deste material pode supoñer para unha administración pública, o máis importante para o Goberno local é que "bens procedentes do narcotráfico, que tanto mal causa á sociedade, poidan ser recuperados e reverter dalgún xeito en beneficio público e do conxunto da cidadanía". Neste punto, o executivo socialista tamén lembra "as facilidades dadas polo Goberno do Estado ao Concello de Vilagarcía para adquirir a casa Jaureguizar, que se rehabilitará para destinar a Centro de Maiores".

Pola súa banda, dende a FGCN apuntaron que, con esta cesión para uso social, "péchase un círculo, intervense a droga antes de que chegue á rúa, detense e xúlgase aos traficantes e os bens intervidos contribúen de forma áxil a ofrecer un beneficio para a sociedade, tan castigada por estes delitos. Polo menos logramos reparar, aínda que so en parte, o dano sufrido", manifestaron. O colectivo conclúe afirmando que "este é o camiño a seguir si queremos ser eficaces na xestión do patrimonio destas organizacións criminais: eficacia, retorno económico cando se poidan vender os bens e, no seu caso, cesión para beneficio social".

Comentarios