Vilagarcía implícase na visibilidade do Transtorno por Déficit de Atención

A xornada didáctica contou coa presenza da conselleira de Educación, Carmen Pomar, que aposta pola inclusión
A actividade estivo organizada pola Asociación TDAH Salnés. DP
photo_camera A actividade estivo organizada pola Asociación TDAH Salnés. DP

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou este sábado nas xornadas sobre o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade, que, baixo o lema 'A diversidade, punto de unión, punto de encontro', organiza a Asociación TDAH Salnés, coincidindo co Mes Europeo de Sensibilización do TDAH. Na súa intervención a conselleira lembrou que en Galicia se está apostando por un modelo educativo inclusivo que implica "cambiar a práctica educativa para que todo o alumnado acade as metas no seu proceso de aprendizaxe", e subliñou que o éxito deste proceso require dunha unión de esforzos entre os profesionais da educación, o alumnado e as propias familias.

Precisamente, froito deste traballo de colaboración e consenso, lembrou que foi posible poñer en marcha en Galicia o Protocolo de atención educativa ao alumnado con TDAH na infancia e na adolescencia, co fin de ofrecer unha intervención integral no ámbito educativo e sanitario. Esta guía, xunto co Decreto de Atención á Diversidade e outros protocolos específicos para distintos colectivos "son ferramentas imprescindibles que fomentan e potencian a colaboración coas familias e as entidades en prol da atención ao alumnado con necesidades educativas especiais".

Unha liña de traballo que se verá potenciada coa estratexia de inclusión 'EduInclusión 2020-2025', a través da cal a Consellería de Educación vai desenvolver un plan formativo específico para os especialistas na atención á diversidade, actualizar a normativa sobre atención á diversidade e impulsar a escolarización do alumnado de necesidades específicas de apoio educativo en centros ordinarios ou en escolarización combinada e o pulo á especialización dos centros de educación especial, entre outras accións.

Pomar agradeceu a organización desta xornada, que contribúe a darlles visibilidade ás persoas con TDAH e coñecer máis a fondo as características que rodean aos afectados e as súas familias; e sobre todo, "a falar de diversidade como punto de unión e de encontro". Na xornada participan expertas e expertos do eido da Psicoloxía, da Pedagoxía e do Dereito,

Comentarios