O Concello de Vilagarcía inicia as obras de reforma da Praza da Independencia

Os traballos contan cun orzamento de 232.000 euros e serán executados pola firma pontevedresa Montajes J. M. Iglesias

Praza da Independencia. GOOGLE
photo_camera Praza da Independencia. GOOGLE

As obras de peonalización e mellora estética da Praza da Independencia comezarán a vindeira semana, da man da empresa pontevedresa Montajes J.M. Iglesias. A actuación, promovida polo Concello, permitirá reducir o tráfico rodado nesta céntrica zona da cidade, eliminar barreiras arquitectónicas, modernizar a imaxe global da zona e renovar os servizos básicos de auga e saneamento.

As obras, adxudicadas por 232.000 euros, fináncianse a través dos Fondos Feder e a Edusi "Vilagarcía Avanza". Nos vindeiros días, os operarios da adxudicataria comezarán a realizar os traballos previos de acopio de materiais, catas e valados para, a continuación, iniciar as tarefas, seguindo o proxecto redactado polo arquitecto Leopoldo Iborra en base ás liñas marcadas polo Goberno local.

Unha das peculiaridades da actuación é que o coñecido como "triángulo da Independencia" verá desaparecer o tráfico rodado en dúas das súas rúas, creará un novo perímetro arborado a carón dos edificios e modernizará a fonte, dando maior realce ao monolito e tres brazos sobre o que se eleva a alegoría escultórica que preside a praza. Ademais, a obra prevé a instalación de mobiliario urbano e medidas para favorecer a drenaxe natural das augas pluviais.

O cambio máis significativo será a actualización e modernización da fonte central

Por indicación do Concello, o autor deste proxecto coordinou o seu deseño co arquitecto encargado da humanización da Praza de Galicia, xa que a idea é que os proxectos vaian en sintonía dada a súa proximidade.

O tratamento que se lle da á zona axardinada apenas varía a súa configuración actual, respectando os elementos escultóricos e ornamentais, símbolos do feito histórico que da nome ao lugar, como a alegoría da aguia imperial napoleónica atravesada pola espada, as áncoras dos barcos e o canón. O cambio máis significativo será a actualización e modernización da fonte central, que se abrirá e integrará na praza, eliminando o vaso circular. Maila iso, a auga seguirá tendo presenza ornamental neste espazo, grazas aos surtidores que se instalarán a nivel do chan rodeando a antiga fonte.

Comentarios