Vilagarcía proxecta melloras na rede de saneamento

A actuación beneficiará ás rúas Bernardas e Torre de Guillán

A rúa Torre de Guillán, o pasado martes. J. L. OUBIÑA
photo_camera A rúa Torre de Guillán, o pasado martes. J. L. OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía plantexa unha nova ampliación da rede de saneamento que beneficiará ao núcleo de vivendas das rúas Bernardas e Torre de Guillán, zonas que na actualidade non teñen acceso ao servizo por estar situadas por debaixo da rasante do colector xeral. O proxecto presentado polo Goberno local está valorado nun total de 88.835 euros.

Os traballos consistirán na instalación dunha canalización que, partindo da rúa Bernardas, discorrerá en paralelo ao rego de Guillán para conectar co pozo de rexistro existente. Dado que o trazado afecta á zona de servidume do regato, adoptaranse unha serie de medidas protectoras para evitar posibles filtracións por debaixo do nivel freático do terreo. En concreto, a canalización de PVC revestirase cunha cobertura de formigón, o mesmo material que se utilizará para construír os pozos de rexistro.

O proxecto xa conta coa autorización de Augas de Galicia. Outros trámites que o Concello tivo que levar a cabo antes da redacción do mesmo foi a obtención do dereito de paso polas parcelas de titularidade privada colindantes ao rego de Guillán. O concelleiro Lino Mouriño foi o encargado de contactar cos sete propietarios e de obter os necesarios permisos.

Ademais de todas as actuacións mencionadas, o proxecto redactado polo enxeñeiro do Concello, Óscar Álvarez, tamén contempla a reposición do pavimento dos viais públicos que se vexan afectados pola execución das obras.

O seguinte paso para acometer esta ampliación da rede de saneamento será buscar a vía de financiamento para executar os traballos. Tal e como explican dende o Concello, contémplase "incluir a actuación nalgunha liña de subvencións doutras administracións ou botar man de fondos propios".

Tras as obras acometidas en zonas como Pedramogueira ou a rúa Loureiro da Galufa, o Goberno local pretende seguir "traballando para lograr que os servizos municipais cheguen ás zonas menos accesibles e de maior complexidade debido á súa orografía".

Comentarios