Vilagarcía suspende a Festa da Auga e todos os actos multitudinarios de San Roque

A decisión do Concello aposta pola responsabilidade nun momento delicado onde a relaxación nas restricións vai acompañada de aumentos no número de contaxios
A última celebración da Festa da Auga no 2019. DP
photo_camera A última celebración da Festa da Auga no 2019. DP

As rúas de Vilagarcía non acollerán unha nova edición da Festa da Auga nin calquera acto multitudinario que forme parte das Festas de San Roque, declaradas de interese turístico nacional. Así pois, tampouco haberá Combate Naval -o espectáculo pirotécnico que reúne a miles de persoas nas praias da Concha e Compostela- como tampouco desfile de carrozas, nin ofrenda floral ao santo, nin , en xeral, calquera acto que poida convocar a moito público e cuxa seguridade sanitaria non poida ser garantida.

A decisión do Concello aposta pola responsabilidade nun momento delicado onde a relaxación nas restricións vai acompañada de aumentos no número de contaxios e o conseguinte perigo de cara ao futuro.

Con todo, iso non significa que Vilagarcía perda o espírito festivo que caracteriza especialmente ao mes de agosto, co que iso supón de animación social pero tamén de apoio a dous sectores que o levan pasando especialmente mal dende que comezou a pandemia: a hostalería e o comercio. Deste xeito, e seguindo as pautas de 2020, se manterán os concertos -que serán presentados en vindeiras datas- e unha actividade que cada ano vai a mais e así o confirman as valoracións dos cidadáns: o Festaclown.

Nestes actos, como noutros de pequeno formato, e como xa sucedeu no último San Roque, o aforo estará limitado e condicionado pola normas vixentes nese momento, con espazos acoutados, control de acceso e aforo, medidas de hixiene e distancia de seguridade. Para iso, o concello terá que contratar tamén a unha empresa que desenvolva esas labores de seguridade e control, de xeito que os custes de produción se incrementarán. O goberno local confía en que veciños, turistas, hostaleiros e comerciantes comprendan as consecuencias da crise sanitaria na organización das festas.

Comentarios