Vilagarcía traballa nos camiños rurais e licita a ampliación da rúa Xiabre

Rúa Xiabre, en Vilagarcía. GOOGLEMAPS
photo_camera Rúa Xiabre, en Vilagarcía. GOOGLEMAPS

O Concello de Vilagarcía suma unha nova actuación ao Plan municipal de camiños rurais que se atopa en execución. Neste caso trátase da ampliación e mellora da Rúa Xiabre, en Trabanca Sardiñeira, unha actuación na que se investirán 107.511 euros e coa que se trata de elevar a seguridade viaria deste camiño á vez que mellorar as condicións de accesibilidade ás explotacións agrícolas que se atopan ás súas beiras, e que acaba de saír a licitación.

A actuación céntrase nun quilómetro de Xiabre, no tramo comprendido entre o cruce coa Rúa Loureiro, na parroquia de Trabanca Sardiñeira, e ata a Rúa O Monte, xa chegando á de Bamio.

A obra é necesaria para subsanar o estado de deterioro que presenta o firme con amplas zonas atravesadas por fendas e outras con fochas. Ademais, resulta necesario ensanchar a vía nas zonas onde é posible para mellorar permitir o cruce seguro dos vehículos que circulan por esta vía de dobre sentido e tamén para facilitar o acceso de maquinaria agrícola e camións ás explotacións agrícolas existentes na zona. Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses.

Ademais de preparar a plataforma nas zonas nas que se vai a ampliar a calzada, os traballos consistirán na apertura de caixas nas superficies afectadas polas raíces de árbores e o posterior recheo co material axeitado, No resto da calzada realizarase un varrido mecánico, perfilaranse as cunetas para o drenado de pluviais e botarase unha nova capa de rodadura con rego de adherencia.

Comentarios