Villares comprométese en Vilanova a dignificar as condicións do sector do mar

En Marea denuncia o "sablazo" ao réxime de cotizacións á Seguridade Social das traballadoras do mar

Villares, en Vilanova de Arousa. TWITTER
photo_camera Villares, en Vilanova de Arousa. TWITTER

En Marea comprometeuse este venres a traballar para dignificar e mellorar as condicións do conxunto de traballadoras do mar. O portavoz, Luís Villares, e as candidatas ao Congreso e ao Senado por Pontevedra, Iris Malvido e Mari Camiña, visitaron este venres Vilanova de Arousa xunto a Elena Cores, membro da Coordinadora de En Marea e concelleira nese municipio.

Tras conversar no mercado con distintos autónomos e comerciantes, os representantes da formación achegáronse até o porto de Vilanova de onde partiron en catamarán para percorrer a ría de Arousa e denunciar o recente "sablazo" imposto polo PSOE ao réxime de cotizacións á Seguridade Social das traballadoras do mar e mostrar o seu compromiso con este sector.

A candidata ao Congreso por Pontevedra, Iris Malvido, asegurou que "imos ir a Madrid explicarlle ao resto do Estado o que é traballar cos pés na auga. O que é o traballo das mariscadoras, das redeiras, dos bateeiros, das conserveiras. Necesitamos ter unha voz forte e digna para reivindicar as demandas do sector do mar no estado".

Pola súa banda, o portavoz, Luís Villares insistiu no compromiso de En Marea para conseguir "dignificar as condicións de vida das mulleres que traballan no mar. Non estamos de acordo coa subida das cotizacións para estas traballadoras promovida polo PSOE. Pensamos que é necesario diálogo e evitar un sablazo como o que se produciu, cunha subida de 50 euros inaceptable", denuncia Villares.

Segundo En Marea "hai que mellorar as prestacións, pero non cargando sobre os ombreiros dunhas traballadoras que xa están suficientemente explotadas, polo que reclamaremos unha baixada no réxime de cotizacións para elas".

A formación tamén se comprometeu a reclamar no Congreso coeficientes reductores para a idade de xubilación das redeiras e das mariscadoras. "Existe un coeficiente de penosidade nestas profesións. O traballo no mar é duro, e merece condicións dignas de traballo e de xubilación", afirma o portavoz de en Marea.

PERSOAS MAIORES. Ademais, o portavoz de En Marea, Luís Villares, mantivo un encontro coas traballadoras da residencia de maiores Vale Inclán durante a súa visita a Vilanova. Os traballadores da residencia e familiares dos usuarios agradeceron a Villares e a candidata por Gañemos Vilanova, Elena Cores, o apoio brindado desde a formación na defensa para manter aberto o centro de maiores.

"Acaba de haber unha resolución xudicial que dá a razón ás traballadoras e ás familias desta residencia", indicou Luís Villares, que incidiu na necesidade de traballar para conseguir "condicións dignas para os nosos maiores".

En Marea comprométese a reivindicar no Congreso máis financiamento para un Servizo de Dependencia acorde ás necesidades da vella poboación de Galicia, "que precisa máis recursos para poder contar cunha atención digna. E para elo ten que haber un sistema público que se faga cargo de garantila". 

Comentarios