Vinte edificios de Vilagarcía terán a auga cortada na noite do luns

► As zonas máis directamente afectadas serán as da avenida de Rodrigo de Mendoza e a avenida do doutor Tourón
Avenida de Rodrigo Mendoza, VIlagarcía. MAPS
photo_camera Avenida de Rodrigo Mendoza, VIlagarcía. MAPS

As obras de mellora do subministro de auga á cidade por parte da empresa concesionaria do servizo, Espina & Delfín, obrigarán a pechar o subministro parcialmente entre as once da noite deste luns e as seis da mañá do martes.

As zonas máis directamente afectadas serán as da avenida de Rodrigo de Mendoza, nos números pares do 2 ao 30, aproximadamente, e a avenida do doutor Tourón entre os números, tamén pares, do 22 ao 30. En total, son arredor de vinte edificios os concernidos: en Rodrigo de Mendoza, entre o aparcamento disuasorio da finda Douro e o cruce con Agustín Romero; e en doutor Tourón, entre a ponte do río do Con e o paso de peóns fronte a unha coñecida pastelería e panadería, é dicir, na contorna da glorieta da Mariña Española, da que parte, á súa vez, a avenida de Rodrigo de Mendoza.

As obras, segundo explica a empresa, consistirán na instalación dunha válvula automática de control hidráulico e dun contador xeral de distribución, unha intervención, por tanto, moi similar á realizada recentemente na contorna do barrio dos Duráns. O feito de realizar as obras de noite trata de minimizar os trastornos que, sen dúbida, causa un corte de subministro de auga. O concello pide, por iso, desculpas pero tamén comprensión, pois -subliña- trátase de actuacións inevitables para ofrecer un servizo cada día maior.

Neste sentido, dende Espina & Delfín advírtese que aínda que eses vinte edificios serán os máis afectados, non serán os únicos: os pisos máis altos do centro de Vilagarcía, ao igual que as zonas máis altas do municipio na contorna das obras, dende puntos de Cornazo ata a urbanización do Piñeiriño e incluso Vilaxoán ou Faxilde. Nestas zonas altas, os usuarios poderán notar unha sensible baixada de presión, e no peor das casos ata ausencia de caudal, pero en todo caso, unicamente entre as 23 horas do luns e as seis da mañá do martes.

Comentarios