Voluntarios de Afundación e da Cofradía retiran tres toneladas de pneumáticos na Illa de Arousa

O total de residuos recollidos supera xa as seis toneladas en sete xornadas de limpeza
undefined
photo_camera Os voluntarios retiraron mortos en desuso. CEDIDA

Máis de 40 mariscadoras e pescadores da Confraría da Illa de Arousa e persoas voluntarias convocadas pola Obra Social de Abanca participaron onte nunha nova xornada de limpeza no marco do programa Plancton, un proxecto impulsado por Afundación cuxo principal obxectivo é fomentar a conservación dos mares galegos e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas que leva a cabo nos mesmos.

Nesta ocasión, os traballos centráronse na retirada de defensas e ancoraxes -coñecidos popularmente como mortos-, xa en desuso, que se atopaban en distintos areais e dificultaban a actividade marisqueira.

Esta nova actividade de recollida de residuos púxose en marcha tras a información que se facilitou, no marco do proxecto Plancton, desde a propia Confraría da Illa sobre o problema que representan os pneumáticos que se utilizan a modo de defensa durante as manobras de atracada por parte das embarcacións, e que aos poucos e co tempo fóronse acumulando nos areais ao ser extraviados polas mesmas.

Este lixo mariño non só ten un impacto ambiental, ao contaminar as augas a medida que se van degradando, senón tamén consecuencias económicas ao dificultar a execución da actividade marisqueira.

Como resultado do intenso traballo realizado ao longo de toda a mañá, no que se contou así mesmo coa colaboración do Concello da Illa de Arousa, retiráronse máis de 3000 quilos de residuos, principalmente pneumáticos e algunhas áncoras, nasas, boias, redes, cabos e cordas e ata un colector, dos distintos areais nos que levou a cabo a actividade, entre eles, Semuíño, Carboeira, Campo, Sapeira ou Varadero.

Iniciativa Programa Plancton
Plancton é un proxecto ideado por Afundación cuxo fin é fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas en catro das Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño ( ZEPA) existentes en Galicia dentro da Rede Natura 2000.

O plan desenvolverase durante 2021 nos espazos mariños das Rías Baixas, punta Candieira - ría de Ortigueira-Estaca de Bares, costa de Ferrolterra - Valdoviño e Costa da Morte, así como nas zonas de orixe da actividade pesqueira que incide sobre a poboación das aves mariñas.

Comentarios