Xan Leira: "As familias destrozadas pola traxedia sentiranse algo reparadas"

O barro da vida, o documental que rescata a tradición telleira de Vilalonga e o afundimento dun galeón con 23 vítimas mortais en Arnosa, presentarase o 12 de febreiro en O’Spa ▶ A Asociación de Veciños de Vilalonga, Codesevi e o Concello preparan unha homenaxe no pantalán
O director, Xan Leira, durante a rodaxe das entrevistas en Vilalonga. RAFA FARIÑA
photo_camera O director, Xan Leira, durante a rodaxe das entrevistas en Vilalonga. RAFA FARIÑA

Comezou a rodarse o pasado mes de xuño de 2022 nas instalacións de Cerámicas Campo en Vilalonga baixo o nome técnico de A tradición telleira e cerámica de Vilalonga, e agora xa ten data de estrea e título definitivo. O documental O barro da vida, dirixido por Xan Leira (Bos Aires, 1955), presentarase o vindeiro 12 de febreiro en dous pases no antigo cine Don Juan de Vilalonga (actual Bar O’Spa), ás 18.30 e as 20.30 horas e, para o director, supón devolver un anaco de memoria á vila.

E é que, co telón de fondo do traballo do barro e a súa explotación industrial, que transformou o entorno paisaxístico e natural de Vilalonga, esta historia recupera o afundimento dun galeón que o 25 de febreiro de 1940 deixou 23 vítimas mortais que regresaban de marisquear do Grove. "As familias destas 23 vítimas destrozadas pola traxedia e sen ningún tipo de reparación naquel momento por parte da Ditadura e o silencio, sentiranse algo reparadas", agarda o director.

Para Leira, sacar á luz este documental é "devolverlle á xente parte da súa historia, unha historia que, ademais, merece ser contada". Durante a rodaxe, que tamén tivo como escenario o antigo cine Don Juan, ademais da contorna da vila, e que conta con 27 testemuñas directas e indirectas do afundimento, entre eles Maximino González, un testigo directo que ía co seu tío nun bote a poucos metros do lugar, os relatos dos e das participantes foron, para o director, "impactantes". "As persoas entrevistadas, nos anos 30 e 40 eran nenos que traballaban duramente. O traballo do barro entre os anos 40 e 50 eran 24 horas ao día postas ao servizo desta tarefa, e moitas delas din que eran escraviñas. Tiñan que traballar e resolver a vida familiar. O traballo era o denominador común dos nenos e nenas que hoxe son os nosos avós".

O director, Xan Leira, co presidente da Asociación de Veciños de Vilalonga, Amancio Torres e Dani Dopazo na presentación. DS
O director, Xan Leira, co presidente da Asociación de Veciños de Vilalonga, Amancio Torres e Dani Dopazo na presentación. DS

Por este motivo, o documental que está a piques de estrearse conta con grandes tintes emocionais para o pobo de Vilalonga. "Pola miña experiencia, cando produces material vencellado á memoria local, a xente responde moi ben. É unha historia interesante e un orgullo para Vilalonga, para Sanxenxo e para a ría de Arousa, onde está gravado o traballo do barro".

Á estrea do documental, que terá lugar pola tarde, precederáa durante a mañá do mesmo día (12.00 horas) unha misa en acto de homenaxe ás vítimas do naufraxio, que se levará a cabo nunha carpa instalada no pantalán de Arnosa, tamén impulsada pola Asociación de Veciños de Vilalonga e Codesevi en colaboración co Concello de Sanxenxo. Pola súa banda, para acudir á estrea do documental en O’Spa, os interesados deben inscribirse no local de xeito gratuito ata completar aforo.

Unha rede veciñal
"A miña avoa falábame dende pequeno deste fatal accidente e sempre me quedou aí ata que coñecín a Xan Leira". Así xurdiu o documental, segundo explica o vilalongués que o musicaliza, Dani Dopazo, e que conta tamén coa aportación documental recopilada por Codesevi coa idea, segundo Carlos García, de facer un libro.

As achegas de Victoriano Otero, o material videográfico de José Luis Agraso, o arquivo de Cerámicas Campo e o traballo de hemeroteca fixeron posible esta peza de 47 min na que participan Víctor Padín, Alex Palicio, Marcos Guisasola, Maximino González, Herminia Dadín, Paz Lago, Jacinto González, Luis Estévez, Francisco Camiña, Arturo Méndez, Alfonso Estévez, Albino Méndez, Amelia África Dadín, Adoración González, José Luis Agraso, Carmen Esperón, Braulio Germán Padín, Eulogio Blanco, Juan Novas, Jesusa Vilar, María Concepción Dadín, Isaura Fernández, Victoriano Otero, Carlos García, Telmo Martín, Manuel G. Limieres, e Camilo Rodiño.

Comentarios