A xuíza obriga a valorar as tres ofertas de compra da conserveira Thenaisie

Todo apunta a que se resolverá mediante unha poxa
Rolda de prensa en Vilagarcía. EP
photo_camera Rolda de prensa en Vilagarcía. EP

O xulgado do Mercantil de Pontevedra obriga a valorar as tres ofertas de compra pola conserveira Thenaisie Provoté, que conta cunha fábrica en O Grove e cun centro loxístico en Mos. Así se desprende dun auto que deu a coñecer este venres á CIG.

A responsábel da FGAMT-CIG de O Salnés, Rosa Abuín, compareceu en rolda de prensa en Vilagarcía xunto a representantes da central sindical na compañía –coa presidenta do comité de O Grove á cabeza– para dar conta da resolución do xulgado do Mercantil número 2. Abuín agradeceu a labor da xuíza substituta, que mediante un decreto habilitou agosto para resolver o tema e nun mes desatascou o concurso de acredores. "Nun mes fíxose o que non se fixera en ano e medio", valorou. 

Ao mesmo tempo, salientou en que o auto lle dá a razón á CIG, polo que "a contestación ao sindicato minoritario na empresa non a vou a dar eu, senón que lle dá a xuíza na resolución avalando o que nós vimos reclamando, que non é outra cousa que se acepten as tres propostas de compra que hai enriba da mesa, e que estas tiñan que axustarse a dereito".

Abuín fixo fincapé en que a lei concursal está para avalar a continuidade da unidade produtiva e manter todos os postos de traballo posíbeis, e o auto da xuíza incide neste sentido. En consecuencia, vanse valorar as tres ofertas existentes: de Maquinaria Tomás Guillén, Canet Ferrero Inversiones e Conservas Rías Baixas.

Segundo detallou, esta última oferta ía condicionada, algo que a xuíza rexeitou, polo que a empresa fixo un recurso que se resolveu ao seu favor. “É unha oferta importante, que hai que ter en conta, xa que mantén 77 postos de traballo e a continuidade da unidade produtiva”, indicou.

"SATISFACIÓN". Tanto a responsábel da FGAMT-CIG do Salnés como a presidenta da comité da fábrica do Grove, Rosa Domínguez, amosaron a súa satisfacción e a do persoal da empresa pola existencia das tres ofertas e polo feito de que agora se vaian ter en conta as tres, ao tempo que lembraron que o plan de liquidación establece que unha vez que hai tres ofertas irase unha poxa.

"Non quere dicir que quen máis cartos ofreza vaia quedar coa empresa, senón que se terá en conta o mantemento da unidade produtiva e do emprego", indicou.

Comentarios